Ir o contido principal

A USC participa en Gotemburgo na 35º feira de internacionalización da EAIE

A delegación da USC estivo formada pola vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e a adxunta á Vicerreitoría para Internacionalización, Belén Méndez Naya
A delegación da USC estivo formada pola vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e a adxunta á Vicerreitoría para Internacionalización, Belén Méndez Naya
A estratexia de proxección internacional da Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización combina eventos virtuais e presenciais, tanto de networking como de captación de estudantado

A Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización comezou coa campaña de internacionalización do presente curso coa súa participación estes días na trixésimo quinta edición da feira organizada pola Asociación Europea para a Educación Internacional (EAIE) en Gotemburgo (Suecia). Ao evento, a feira de networking máis importante de Europa, asistiron máis de 7.000 representantes de universidades de todo o mundo, así como outros axentes da internacionalización da educación superior. A delegación da USC estivo formada pola vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e a adxunta á Vicerreitoría para Internacionalización, Belén Méndez Naya. A USC compartiu o stand coas outras dúas universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia.

Durante o evento, as representantes da USC mantiveron reunións con delegacións de universidades socias de Arxentina, Brasil, Chile, México, Colombia, Xapón, Corea, Reino Unido ou Bélxica para estreitar lazos e ampliar as canles de colaboración. Cómpre salientar as reunións mantidas con dúas universidades arxentinas, a de San Martín e a de La Plata, coas que a USC vén de asinar convenios de colaboración para o establecemento de dobres titulacións.

Por outra banda, nesta edición da feira incrementouse substancialmente a presenza das universidades europeas, unha das iniciativas insignia da Comisión Europea no ámbito da Educación Superior. A Alianza EUniWell, á que pertence a USC, contou este ano cun stand propio, o que propiciou reunións bilaterais entre os membros do Consorcio e incrementou a visibilidade da Alianza no foro internacional.

Fomentando a proxección e a captación internacional


O Plan de Internacionalización da USC 2024-2026 deseñou unha estratexia de proxección e captación internacional que combina eventos presenciais e en liña. Ademais da citada feira de networking da EAIE, a USC asistirá en novembro á feira de captación EuroPosgrados, que se desenvolve todos os anos en México. O evento, que terá lugar en Cidade de México e Mérida, permitirá presentar a oferta académica de posgrao da USC no mercado mexicano, un dos máis relevantes para a captación internacional da nosa institución.

Por outra banda, a Vicerreitoría leva traballando nos catro últimos anos no deseño e implementación de formatos en liña para eventos de captación de estudantado internacional, como os webinarios dirixidos a potenciais estudantes de doutoramento (2021), a presentación da oferta académica de mestrados para os países de América Latina (2022, 2023, 2024 e 2025) ou a campaña publicitaria dos mestrados en redes sociais (2024).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.09.2025.