A USC repite entre as mellores do mundo para Times Higher Education na súa clasificación por materias

O ránking Times Higher Education (THE) 2022 acaba de actualizar a súa clasificación por materias nos eidos relativos a Ciencias da Saúde, Ciencias da Vida, Ciencias Físicas e Psicoloxía. Neste derradeiro ámbito, a USC ocupa o intervalo 401-500, mentres que nos restantes sitúase no chanzo 501-600, tal e como xa sucedeu na listaxe do ano pasado. Esta clasificación está elaborada en base a trece indicadores de rendemento estruturados en cinco áreas: docencia, investigación, citacións, proxección internacional e transferencia de coñecemento. Agárdase que en datas vindeiras Times Higher Education actualice os datos relativos ao resto de eidos temáticos.
Asemade, a clasificación xeral deste mesmo ránking situou a USC, a comezos de setembro, entre as mellores universidades do mundo logo da análise de máis de 1.600 institucións pertencentes a 99 países. O intervalo 801-1000 é o ocupado pola Universidade nesta listaxe da que forman parte un total de 53 institucións españolas.
U-Multirank
A USC é tamén unha das 79 universidades incluídas na clasificación U-Multirank para España na súa versión 2021. Concretamente, este ránking outórgalle á USC o grao A, a cualificación máxima dun total de catro niveis, en balance de xénero, publicacións científicas, captación de talento investigador, posicións post-doc, patentes premiadas, e captación de recursos rexionais. Esta é unha clasificación dimensional e internacional das institucións de educación superior. Compara o desempeño universitario no ensino e na aprendizaxe, a investigación, a transferencia de coñecementos, así como na orientación e no compromiso rexional.