Ir o contido principal

USC e Xunta presentan dous acordos para avanzar na innovación e en accións estratéxicas de I+D+i

Antonio López e Román Rodríguez no acto de presentación. FOTO: Santi Alvite
Antonio López e Román Rodríguez no acto de presentación. FOTO: Santi Alvite
Os convenios que suman máis de sete millóns de euros salientan a necesidade de adaptación permanente das universidades como “piar de desenvolvemento da innovación nas economías avanzadas” e buscan intensificar a actividade investigadora
Lugo, Santiago de Compostela

Dar pulo ao rol da Universidade como piar da innovación nunha contorna cada vez máis globalizada, poñendo o foco na potenciación da súa actividade investigadora, é o punto de partida dos dous convenios presentados este luns pola USC e a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. O primeiro dos acordos achega catro millóns de euros que forman parte dos recursos adicionais dedicados pola administración autonómica para a modernización e impulso de procesos de reformas estruturais na economía, favorecendo unha adaptación aos requirimentos de transición verde e dixital. O outro texto dotado con máis de tres millóns de euros en materia de accións estratéxicas de I+D+I, pretende mellorar as infraestruturas, intensificar a actividade investigadora e aumentar a produtividade científica.

A sinatura protocolaria quedou formalizada nun acto no Colexio de San Xerome no que interviñeron o reitor Antonio López e o conselleiro Román Rodríguez. Tamén estivo presente no acto o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri. Estes acordos representan para o reitor da USC “un claro espírito de traballar a prol do Sistema Universitario de Galicia” e supoñen “un paso máis nesa actitude de colaboración entre institucións”. Antonio López quixo lembrar na súa intervención que “a Universidade non pode tomar decisións sen ter unha previsión do escenario financeiro”, peza chave da autonomía universitaria. Pola súa parte, Román Rodríguez explicou que o obxectivo de ambos acordos é “apoiar á Universidade na súa transformación e adaptación de cara as esixencias da formación académica do século XXI, o que redundará de xeito directo nun mellor servizo ao estudantado e na calidade da formación universitaria”. Para o conselleiro desenvolver accións que melloren a Universidade, supón tamén incidir na “mellora de Galicia”.

Innovación

O primeiro dos convenios toma como punto de partida a oportunidade que supuxo a crise para facer do sistema universitario galego o protagonista dun futuro construído en base ao coñecemento e á innovación. Como recolle o documento, “a universidade é un piar de desenvolvemento da innovación nas economías avanzadas e, como tal, debe asumir a necesidade de adaptación permanente aos cambios producidos nunha contorna cada día máis globalizada”.

No caso da USC, os recursos destinados pola Xunta de Galicia, estarán dedicados á rehabilitación da envolvente e das instalacións de produción de calor da Facultade de Medicina, ao concurso de ideas para o novo centro de Ciencias da Saúde e á urbanización da parcela desta nova dotación infraestrutural, así como á reforma do segundo andar e espazos comúns da área clínica e docente de Odontoloxía. A Xunta destinou ao conxunto das universidades galegas un total de dez millóns de euros, dos que a maiores dos 4,04 millóns destinados á USC, 3,16 foron para a UVigo e 2,8 para a UDC.

Alén destas accións no eido da innovación das infraestruturas, a irrupción da pandemia acelerou nun prazo breve de tempo a implantación e desenvolvemento de métodos dixitais que complementaron o proceso docente para garantir o desenvolvemento dos procesos de ensino e aprendizaxe a pesar do estado inicial de confinamento. Esta adaptación supuxo que na USC, nos anos 2020 e 2021, en máis de 275 aulas da universidade compostelá que abranguen a totalidade de centros realizáronse modificacións e adaptacións no eido da infraestrutura dixital.

Coa volta á presencialidade, a dotación tecnolóxica incorporada durante os primeiros meses da COVID está a permitir explorar novas alternativas docentes como a inclusión e participación no horario e aula de clase de profesionais procedentes dos distintos sectores profesionais ou de profesorado doutras universidades de todo o mundo, cun importante impacto na redución de custes loxísticos e na xestión do tempo.

I+D+i

Contar cun conxunto de medidas e accións concretas a desenvolver para mellorar as infraestruturas, intensificar a actividade investigadora e aumentar a produtividade científica mediante a diversificación na chegada de recursos é a meta que persegue o segundo dos convenios asinados. Así, o documento céntrase na actualización das infraestruturas científicas, na captación e na retención de talento, na redefinición de estruturas de investigación, así como en accións transversais de I+D+i que abranguen dende axudas á investigación como á dinamización. Ademais, este convenio contempla achegas para novas titulacións de grao, obras singulares e a adecuación de espazos no Complexo Universitario Fontán.  

“Para garantir a produción dunha investigación de calidade por parte do sistema galego de I+D+i é esencial contar con estratexias e estruturas eficaces que xeren unha contorna favorable á investigación e fortalezan un sistema integral que garanta a excelencia científica”, sinala o documento. En consecuencia, o convenio conforma un programa de impulso das estratexias de I+D+i “para impulsar accións de ordenación, estruturación e potenciación da investigación”.

O convenio establécese en función das necesidades e peculiaridades específicas da institución compostelá, dependendo das propias características das actividades financiadas ou das necesidades conxunturais.

De esquerda a dereita, Antonio López, Román Rodríguez e Vicente Pérez atenden aos medios de comunicación. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Antonio López, Román Rodríguez e Vicente Pérez atenden aos medios de comunicación. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2021.