Ir o contido principal

Un Verán CampUSC de récord

De esquerda a dereita, Rocío Bulnes da Fundación USC, a concelleira Mercedes Rosón, a vicerreitora Mar Lorenzo e o xerente das Fundación USC, Óscar Hermida. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Rocío Bulnes da Fundación USC, a concelleira Mercedes Rosón, a vicerreitora Mar Lorenzo e o xerente da Fundación USC, Óscar Hermida. FOTO: Santi Alvite
A edición 2021 deste programa da Fundación USC, dirixido a nenos e nenas nacidas entre 2004 e 2017, supera xa a barreira das 500 inscricións malia dispor aínda de prazas para as dúas últimas quendas que se desenvolverán a finais de xullo e comezos de setembro
Santiago de Compostela

O Verán CampUSC de 2021 está a bater todos os seus récords xa que alén de contar coa participación de máis de 200 nenos e nenas nacidas entre 2004 e 2017, moitos dos e das participantes están inscritos en diferentes quendas superándose a barreira das 500 inscricións. A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, visitou este mércores a terceira rolda do Verán CampUSC 2021, acompañada pola concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade, Mercedes Rosón. Esta terceira quenda desenvolverase ata o 24 de xullo. A inscrición para as quendas cuarta —do 26 ao 30 de xullo— e quinta  —do 1 ao 8  de setembro— do Verán CampUSC permanece aberta.

O Verán CampUSC é un campamento urbano impulsado pola Fundación USC que busca “posibilitar a conciliación entre a vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC coma do público xeral durante o período das vacacións escolares”, sinalan dende a organización. A través do seu programa de actividades, o Verán CampUSC serve de espazo de iniciación a unha gran cantidade de actividades de ocio e tempo libre, xogos e deportes, atendendo ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das nenas e nenos. “Este é un programa moi importante para a Universidade porque, por unha banda, permite a conciliación familiar e, pola outra, desenvolve unha función lúdico-educativa moi importante neste tramo de idade”, explicou a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo.

Medidas sanitarias

A edición 2021 mantén unha serie de medidas implantadas xa o pasado curso para facer fronte á actual situación sanitaria. Dende a organización, coordináronse con especialistas todas as medidas de seguridade, de prevención da saúde e de hixiene que a situación require para coidar ao máximo a saúde tanto dos participantes como do persoal que dinamiza o programa. Ademais, antes do inicio do programa, as familias participantes recibiron toda a información do desenvolvemento da actividade relativa ás medidas implantadas.

Organizado pola Fundación USC, o Verán CampUSC desenvólvese nun total de cinco quendas que abarcan o período comprendido entre o 23 de xuño e o 8 de setembro, agás agosto. O horario é de 8.45 a 14.45 horas e conta con 120 prazas por cada quenda.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2021.