Ir o contido principal

Virtus, plataforma tecnolóxica para a investigación virtual, recoñecida pola revista AV Integración Audiovisual

Foto de arquivo da inauguración do plató de Virtus en outubro de 2024. Foto: Santi Alvite
Foto de arquivo da inauguración do plató de Virtus en outubro de 2024. Foto: Santi Alvite
A publicación concedeulle o Premio de Integración Educacional
Santiago de Compostela

A plataforma tecnolóxica Virtus para a investigación virtual da USC vén de gañar o Premio de Integración Educacional na quinta edición dos premios AV de Integración que entrega a revista especializada AV Integración Audiovisual, punto de encontro dos profesionais deste sector.

Con este galardón, un xurado integrado por profesionais de referencia acredita o carácter innovador de Virtus, plataforma inaugurada en 2024 co pulo do financiamento europeo Next Generation (ref. EQC2021-007535-P). Cun montante de 640.218,50 euros, Virtus artellouse como un espazo común de solucións virtuais avanzadas tanto para a innovación docente e a difusión investigadora como cara a transferencia tecnolóxica e de coñecemento ao tecido TIC e audiovisual e á sociedade en xeral.

O xurado destacou que o proxecto “se erixe como un bo modelo de cooperación universidade-empresa” e salienta “o despregue de software e de cámaras PTZ e de estudo de alta calidade, así como o gran número de actividades que abarca o proxecto”. Ademais, puxo en valor que a plataforma toca todas as áreas para avanzar na produción virtual e fixo unha mención especial á implicación de Brainstorm no ámbito educativo, o que rematou de inclinar a súa decisión.

A integración que hoxe se premia é froito da colaboración ao longo de tres anos entre Virtus (Enrique Castelló, director científico; Roi Méndez, director técnico; e o técnico Manuel Fidalgo), Broad Service (César Aguado, xefe técnico, e Rubén Salinero, técnico) e Brainstorm Multimedia (Mónica Víctor, directora comercial, e Miguel Churruca, director de Márketing). Partindo dun complexo prego de prescricións técnicas que pormenorizaba ao detalle os obxectivos e retos de Virtus, Broad Service e Brainstorm materializaron nas súas respectivas especialidades competenciais unha densa rede de instalacións e equipamentos no tempo acordado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2025.