Ir o contido principal

A Xornada Mixta de Networking Transfronteirizo Spin Up acolle a presentación de medio cento de proxectos emprendedores

O vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, en calidade de conselleiro delegado de Uninova presidiu o acto. FOTO: Santi Alvite
O vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, en calidade de conselleiro delegado de Uninova presidiu o acto. FOTO: Santi Alvite
Un total de 16 empresas tomaron parte nunha sesión que serviu para impulsar a transferencia de tecnoloxía
Santiago de Compostela

A Xornada Mixta de Networking Transfronterizo SPIN_UP serviu como marco para a presentación de 42 proxectos emprendedores alén de xerar encontros de networking entre empresas e emprendedores para impulsar a transferencia de tecnoloxía. Foron un total de dezaseis empresas as que solicitaron reunións, chegando ao medio cento de encontros.

O vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, en calidade de conselleiro delegado de Uninova presidiu un acto no que tamén tomaron parte a responsable de emprendemento da Universidade do Porto, Joana Resende; e a técnica de Uninova Mónica Suárez, quen explicou os obxectivos dunha xornada que favoreceu o encontro entre o tecido produtivo e a oferta dos axentes xeradores de coñecemento.

Como consecuencia das actuais limitacións derivadas da crise sanitaria, a xornada, ademais do formato presencial na sede da Área Empresarial do Tambre, a onde acudiron os socios españois do proxecto, tamén se retransmitiu por streaming, formato que seguiron os socios portugueses.

Este encontro celebrouse no marco do proxecto SPIN_UP ‘Definición e implementación de núcleos locais de transferencia para a promoción de spinoffs universitarias e startups innovadoras’ cofinanciado ao 75 % polo programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, ten como obxectivo final estimular a creación de empresas a través da transferencia de tecnoloxía e coñecemento mediante o encontro entre o tecido produtivo e a oferta dos axentes xeradores de coñecemento. Como socios do proxecto participan, da parte española, Uninova, Igape, Asociación Área Empresarial do Tambre e Cámara de Comercio Santiago, e, da parte portuguesa, Universidade do Porto e Anje.

Foron un total de dezaseis empresas as que solicitaron reunións. FOTO: Santi Alvite
Foron un total de dezaseis empresas as que solicitaron reunións. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2020.