Ir o contido principal

A Xunta acredita a especialización do Campus Terra nas áreas estratéxicas de agricultura, gandería e sector forestal

Vista aérea do Campus Terra
Vista aérea do Campus Terra
O reitor Antonio López e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidades presentan na Vicerreitoría de Lugo o recoñecemento outorgado coa máxima cualificación e que vai acompañado de investimentos por arredor dun millón de euros, precisou Román Rodríguez, durante cada un dos catro anos para os que se expide a acreditación
Lugo

A Xunta de Galicia acredita o Campus Terra da USC, con sede en Lugo, como especializado nas áreas estratéxicas de agricultura, gandería e sector forestal sustentables, segundo recolle a resolución publicada este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG), no que se dá conta da especialización do Campus Terra nos ámbitos de coñecemento relacionados con medio ambiente os recurso da terra.

O reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, deron conta este mércores da concesión deste selo de calidade por parte da Xunta de Galicia e que irá acompañado de investimentos por “un millón de euros ou algo máis” durante cada un dos catro anos para os que se expide esta acreditación.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade avanzou o compromiso da Xunta de reforzar o apoio económico ao Campus Terra, un proxecto no que desde 2013 xa se investiron 8,7 millóns de euros, na presentación da acreditación do Campus Terra como campus de especialización do Sistema Universitario Galego, un acto no que, ademais do reitor da USC e da vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, tamén participaron o Secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, así como a vicerreitora de Organización Académica da USC, Celia Besteiro, e o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata.

“A acreditación do Campus Terra enmárcase na estratexia de especialización de campus iniciada polo Goberno galego en 2013 co fin de “poñer en valor os campus non centrais a través dunha identidade propia ligada á súa contorna á vez que se erixan como impulsores da investigación e do desenvolvemento económico”, relatou o conselleiro, para logo engadir que “esta acreditación trae consigo un apoio económico adicional” que se materializará a través da sinatura dun convenio de financiamento entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a USC, que deberá desenvolver e presentar un plan operativo para este período.

O reitor da USC salientou tamén a importancia da acreditación do Campus Terra como sede universitaria especializada, un recoñecemento que cualificou como “alto adiante para Lugo e para a USC. A concesión desta distinción significa que “unha comisión moi rigurosa avaliou a a realidade e logo deste proceso obtivemos a mellor cualificación como campus de especialización para un período de catro anos”.

O que debemos facer agora, detallou Antonio López, é elaborar un protocolo de actuacións para estes catro anos, a fin de mellorar aqueles aspectos nos que está a traballar a USC para potenciar o Campus Terra de Lugo: captar máis estudantes, aínda que a evolución nestes últimos catro anos é moi positiva, como o proban as crecentes cifras de nova matrícula, mellor investigación, mellores resultados científicos, máis transferencia de coñecemento... Para acadar estes obxectivos resulta imprescindible contar co apoio económico comprometido pola Administración autonómica, dixo.

Áreas de especialización

A acreditación que vén de outorgar a Xunta de Galicia ao Campus Terra de Lugo reforza a súa condición de campus universitario especializado en aspectos como a produción vexetal e a agricultura sustentable, a produción e saúde animal, a alimentación segura e saudable e a xestión forestal sostible. Estes ámbitos encaixan á perfección coa realidade socioeconómica da provincia de Lugo, cuxo campus ben merece a consideración de campus focalizado no medio rural, no senso máis amplo, remarcou Román Rodríguez.

Logo de lembrar que o Campus Terra da USC é o segundo campus do SUG acreditado como especialización, tralo recoñecemento provisional outorgado ao Campus Industrial de Ferrol (UDC), o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade subliñou que o informe final da comisión avaliadora da acreditación destaca o “bo traballo” realizado no Campus de Lugo.

Antonio López e Román Rodríguez, no centro da imaxe, acompañados de Montserrat Valcárcel e José Alberto Díez de Castro
Antonio López e Román Rodríguez, no centro da imaxe, acompañados de Montserrat Valcárcel e José Alberto Díez de Castro
Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.09.2021.