Ir o contido principal

XuvenCiencia desenvolverá obradoiros de divulgación científica en centros educativos dos Camiños de Santiago

Varela Zapata, na sesión de lanzamento do proxecto Ciencia no Camiño
Varela Zapata, na sesión de lanzamento do proxecto Ciencia no Camiño
Lugo, Folgoso do Courel, Guntín, A Fonsagrada e Ribadavia acollerán accións contempladas no proxecto ‘Ciencia no Camiño’, unha iniciativa beneficiaria do programa ‘O Teu Xacobeo’ que arrancou este xoves cunha sesión en liña
Lugo

O grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC XuvenCiencia impartirá varios obradoiros en diversos centros educativos de ensino primario e secundario no marco do proxecto ‘Ciencia no Camiño’, unha iniciativa incluída no programa ‘O Teu Xacobeo’ que procuran a promoción da cultura científica e a innovación, tanto para a poboación escolar como para o público en xeral, a través dunha rede de educación e divulgación nos Camiños de Santiago.

O proxecto Ciencia no Camiño botou a andar este xoves cunha sesión telemática de presentación ás autoridades locais e da Xunta de Galicia moderada pola profesora e investigadora da USC Mercedes Novo. Neste acto tamén participaron o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, ademais da presidenta da Asociación Galega de Profesionais do Desenvolvemento Local (Afripodel), Dolores Pena, e representantes da Fundación Uxío Novoneyra, que tamén participa neste proxecto liderado por Afripodel, no que tamén está implicado o Grupo de Estudos Territoriais da UDC. O director de Administración do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, tamén apoiou o lanzamento deste proxecto.

A xornada de apertura de Ciencia no Camiño, un proxecto orientado cara a poboación escolar preuniversitaria, pero que tamén pon o foco nas oportunidades que ofrecen a tecnoloxía, a cultura e o coñecemento científico para o desenvolvemento dos municipios e comarcas galegas no que atinxe a propostas ligadas á promoción do territorio sustentable, tales como pode ser o turismo científico, deparou tamén un foro de debate.  

A profesora do CPI Uxío Novoneyra do Courel Lourdes G. Sotelo, como docente representativa dun centro escolar público que integra con outras escolas da Montaña luguesa unha rede de educación científica; Manuel Vicente, químico de formación e responsable do espazo de divulgación científica Efervesciencia, da Radio Galega e a USC, e o enxeñeiro Martín López Nores, un tecnólogo con vocacion humanista implicado en iniciativas científico-culturais e científico-turísticas, completaron a quenda de relatores que deron vida á primeira das accións proxectadas en Ciencia no Camiño.

O grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia levará o peso das seguintes accións previstas no marco desta acción beneficiaria do programa O Teu Xacobeo, tal e como é a celebración de diversos obradoiros científicos para alumnado de primaria e secundaria baseados nos kits de experimentación científica desenvolvidos por XuvenCiencia. Estas actividades de divulgación e experimentación desenvolveranse en colexios e institutos de diversas localidades dos Camiños de Santiago, como Lugo, Folgoso do Courel, Guntín, A Fonsagrada e Ribadavia.

Outros emprazamentos, como Carnota, Vimianzo, Fisterra ou A Coruña, centrarán unha seguinte fase dentro do proxecto que consistirá en charlas e intercambios de ideas con personalidades da investigación e a innovación científicas en distintos ámbitos. Estas sesións están máis orientadas ao público en xeral e adulto e pretenden fomentar o emprendemento nos ámbitos da tecnoloxía e o turismo científico.

A Asociación Galega de Profesionais do Desenvolvemento Local pretende que todo este traballo quede documentado e recollido, a fin de que teña un impacto na sociedade, poida ser aproveitado e sirva de inspiración no labor diario dos técnicos e técnicas de desenvolvemento local que traballan nas administracións municipais, provinciais e autonómica e Galicia. Ademais, ‘Ciencia no Camiño’ prevé a edición dun decálogo ou guía de boas prácticas e a súa difusión.

Cartaz informativo do proxecto Ciencia no Camiño
Cartaz informativo do proxecto Ciencia no Camiño
Relatores participantes na sesión de lanzamento do proxecto Ciencia no Camiño
Relatores participantes na sesión de lanzamento do proxecto Ciencia no Camiño
Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2021.