O XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións arrinca en Compostela

A Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (SGAPEIO) celebra en Santiago de Compostela, do 4 ao 6 de novembro de 2021, o XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións. A seguir coa liña de celebrar congresos bienais e de rotación entre as universidades galegas, a organización deste evento correspondeu ao Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC, e conta cun comité formado por parte do seu profesorado e por outros profesionais do campo.
É a terceira ocasión en que a SGAPEIO celebra en Compostela o seu congreso bienal, despois de que nos anos 1999 e 2007 tivesen lugar nesta mesma cidade o IV e o VII Congreso, que tiveron un notable éxito de asistencia.
Como en edicións anteriores, a finalidade deste encontro é dar a coñecer innovacións na metodoloxía, nas aplicacións, e no ensino, da Estatística e a Investigación de Operacións, en todos os eidos do coñecemento científico e tecnolóxico. Con tales fins, entre os distintos actos inclúense conferencias, mesas redondas, obradoiros e sesións de comunicacións orais e tipo póster.
O XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións conta coa colaboración da Vicerreitoría de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela e co patrocinio Consellaría de Cultura, Educación e Universidade e o Instituto Galego de Estatística (IGE), ademais de BIOSTATECH, CIXUG, Informática Elinfo S.L., Haribo, e dos grupos de investigación galegos centrados no ámbito estatístico e da investigación de operacións —concretamente, Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos (GRID), Modelización, Optimización e Inferencia Estatística (MODES), Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (Modestya) e Statistical Inference, Decision and Operations Research (SiDOR).
O programa contempla diversas conferencias plenarias, sesión de comunicación orais e pósters, dous obradoiros e un curso de formación.
Toda a información do congreso pode consultarse en xvcongreso.sgapeio.es