Ir o contido principal

O XXVIII Festival de Teatro Universitario presenta en Lugo as propostas artísticas de cinco compañías do 18 ao 30 de abril

Aarón Navia, en primeiro plano, con integrantes da compañía de teatro USC-Lugo. Foto: Adra Pallón (imaxe de arquivo)
Aarón Navia, en primeiro plano, con integrantes da compañía de teatro USC-Lugo. Foto: Adra Pallón (imaxe de arquivo)
A compañía de teatro USC-Lugo abre este luns as funcións cunha sesión aberta no ‘Gustavo Freire’, o mesmo escenario no que o público poderá participar en coloquios cos actores e actrices ao remate de cada unha das funcións programadas
Lugo

A vixésima oitava edición do Festival de Teatro Universitario, un certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, reúne no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo cinco compañías universitarias do 18 ao 30 de abril no marco dun ciclo no que o público presente poderá participar en coloquios cos actores e actrices ao remate de cada función.

A compañía de teatro USC-Lugo, que dirixe Aarón Navia, abrirá este luns 18, ás 17.00 horas, no ‘Gustavo Freire’ a quenda de representacións do festival de teatro cun ensaio aberto da obra ‘Contos para seren contados’. As persoas interesadas en tomar parte como público nesta sesión deben formalizar a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es).

A formación teatral sénior ‘Vaites teatro’, dirixida por Marga Portomeñe e que conta como actores con alumnado do IV Ciclo da USC, ofrecerá tamén o 18 de abril, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber, unha lectura dramatizada nunha sesión aberta ao público que se desenvolverá baixo o título ‘Pintando Cousas’

A formación Teatro El Mayal, da Universidade de León, presentará o martes 19, a partir das 20.30 horas, a obra ‘Petricor’ no auditorio Gustavo Freire, o mesmo escenario onde ao día seguinte, á mesma hora, o grupo Maricastaña, da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, representará a obra ‘O parke do crepúskulo’.

O XXVIII Festival de Teatro Universitario de Lugo retomará as funcións o 29 de abril coa estrea do obra ‘Contos para seren contados’, a cargo da compañía de teatro USC-Lugo. A compañía de teatro USC-Compostela, que dirixe Roberto Salgueiro, botará o venres 30 de abril o pano, a partir das 20.30 horas, ás representacións do certame lugués coa presentación de ‘A casa da forza (2, 52-88)’, unha obra de Angélica Liddell coa que a formación universitaria compostelá vén de acadar diversos recoñecementos no Festival Internacional de Teatro Mozo (Festum) de Murcia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2022.