Outro evento

Ciencia Singular

VII Xornada de Portas Abertas

25-11-2023

Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS)

 


VII edición de Ciencia Singular

As portas da Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela abriranse á cidadanía este sábado 25 de novembro, nunha nova edición da xornada Ciencia Singular. Persoas de todas as idades percorrerán as instalacións do CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE para coñecer, da man do persoal investigador, o labor científico punteiro que se desenvolve día a día neles. Estes centros forman tamén parte da rede CIGUS, que integra aqueles centros cuxa calidade e impacto da investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia.

No Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) máis de 80 persoas, incluíndo investigadores sénior e júnior, voluntarios e técnicos do centro unirán esforzos para achegar a Química aos cidadáns. Quen visite o CiQUS poderá coñecer de primeira man a investigación de vangarda que leva a cabo o laboratorio de catro investigadores do centro que obtiveron o respaldo do prestixioso Consello Europeo de Investigación (ERC): José Luis Mascareñas, Diego Peña, Beatriz Pelaz e Javier Montenegro.

A maiores, os asistentes verán recunchos de ciencia que abordarán cuestións tan interesantes como o transporte de biomoléculas, os materiais bioinspirados e a simulación molecular. Como é habitual, haberá tempo para percorrer as instalacións do centro e coñecer as principais técnicas instrumentais e as súas aplicacións, mentres os cativos gozan xogando coa ciencia nos obradoiros infantís.

Para participar nelas será imprescindible realizar inscrición previa na propia web do evento, onde tamén poderá consultarse os horarios e o programa de actividades: https://cienciasingular.usc.es/