O CiQUS abre o prazo de matrícula para participar nun curso dirixido a profesores de Física e Química de Educación Secundaria e Formación profesional, que terá lugar os días 22 e 23 de xaneiro de 2016.
No marco das distintas estratexias promovidas polo centro para fomentar o talento e a formación continua, o CiQUS presenta o curso «Avances en Investigación Química», dirixido a profesores que desenvolven o seu labor docente en centros de Educación Secundaria e Formación Profesional. O obxectivo fundamental destas xornadas é dar a coñecer os últimos avances no mundo da Química a nivel global, repasando as aproximacións máis punteiras que se están a abordar desde o mundo da investigación para dar resposta ás necesidades da sociedade.
Ademais, o curso servirá tamén para reflexionar sobre a situación actual da investigación química en Galicia, a súa relación coa industria e o compromiso dos investigadores co labor de divulgación.
Todos os inscritos poderán coñecer de primeira man as instalacións do CiQUS, nunha visita aos laboratorios que incluirá demostracións científicas dalgúns dos traballos desenvolvidos actualmente no centro.
O prazo de matrícula permanecerá aberto ata completar o número de inscricións (30), que se realizarán por estrita orde de solicitude. Os interesados neste curso poderán formalizar a súa inscrición ata o próximo día 18 de decembro.
Para inscribirse ao curso, só é necesario cubrir e enviar o formulario dispoñible online.