11F: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

03/02/2022

O próximo 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, un esforzo conxunto por romper a brecha de xénero e lograr unha maior participación e inclusión das mulleres e as nenas na ciencia. Un ano máis, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) súmase a esta iniciativa cun conxunto de actividades para visibilizar o traballo das mulleres que se dedican á ciencia e poñer en valor referentes femininos que, co seu exemplo, poidan servir de inspiración para as máis novas e contribúan a promover a ciencia como carreira profesional.

Á primeira hora do venres, as investigadoras do CiQUS abrirán as portas dos seus laboratorios para recibir aos estudantes de bacharelato do IES de Valga e do IES Compañía de María. Ademais de coñecer as instalacións do centro, durante a visita levarán a cabo unha serie de charlas e encontros onde os alumnos poderán coñecer mellor ás científicas do CiQUS, a súa traxectoria profesional e o traballo que realizan. Doutra banda, durante esta mesma xornada, programouse unha actividade conxunta co CiMUS e o IGFAE. Nesta ocasión trátase do bio-musical científico Christiane, unha obra para homenaxear en vida a figura singular e vangardista de Christiane Dosne Pasqualini, muller, esposa, nai e científica. A investigadora, arxentina de adopción, dedicouse con paixón a buscar as causas do cancro, especialmente da leucemia, converténdose na primeira muller en ocupar un asento na Academia Nacional de Medicina.

A obra, dirixida a alumnos de 3º-4º ESO e Bacharelato, representarase o vindeiro venres 11 de febreiro no Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). Terán lugar dúas sesións, ás 10 h e ás 12 h, cunha duración aproximada dunha hora. A inscrición é gratuíta e realizarase a través da web da Cidade da Cultura (as solicitudes atenderanse por rigorosa orde de chegada ata completar aforo).

Lograr unha maior participación e inclusión da muller na ciencia é unha carreira de fondo. O CiQUS adquiriu desde hai tempo un firme compromiso coa formación de novas doutoras, a promoción do talento novo ou o impulso da súa carreira investigadora. O incremento de Investigadoras Principais e Investigadoras Junior adscritas ao centro, o éxito profesional dalgunhas das nosas egresadas ou os recoñecementos obtidos por mozas investigadoras do CiQUS así o reflicten. Sen ir máis lonxe, Eva Rivera e Soraya Learte recibían en xuño o Premio Lilly de Investigación para alumnos de doutoramento, mentres que a investigadora Natalia Barreiro era galardoada recentemente co Premio Talento Mozo da Xunta de Galicia. Por todo iso, o próximo 11 de febreiro temos motivos dabondo para seguir embarcados nesta viaxe, achegando o noso granito de area para que as futuras científicas atopen a inspiración e motivación necesarias para transitar este apaixonante camiño.