Un estudante do CiQUS premiado no XIV Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC

12/12/2014

Este venres ás 12:00 horas no Salón Rectoral do Colexio de San Xerome entréganse os premios do XIV Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC que ve entre os galardonados Manuel Gómez, estudante predoctoral do grupo do profesor Massimo Lazzari.

A idea céntrase no desenvolvemento de Células solares híbridas orgánico-plasmónicas que poderían permitir transformar a enerxía lumínica (os fotóns) en enerxía eléctrica (un fluxo de electróns libres) de xeito máis eficiente respecto de as que comercializan na actualidade.

Estas poderíanse fabricar mediante procesos continuo de fabricación roll to roll (como se fai coas películas de plástico) empregando tecnoloxías plasmónicas para concentrar a luz solar por medio de receptores químicos (compostos antena); nestes sistemas facilitaríase a transferencia e transporte electrónico a través de materiais plásticos híbridos nanoestructurados por litografia, en principio polímeros condutores ricos en electróns tipo pi, con características parecidas ás do silicio dos circuítos integrados.

O XIV Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras premiou este ano cinco iniciativas emprendedoras vinculadas aos eidos da enerxía solar, a reciclaxe, a robótica, as novas tecnoloxías en educación e a difusión do patrimonio natural galego. Os gañadores recibiron este venres o diploma acreditativo e o cheque de 600 euros cos que a USC, a través do programa Uniemprende, recoñece as mellores ideas susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo.

Con este certamen, ao que este ano presentáronse 343 ideas, a Universidade compostelana busca premiar aqueles emprendedores e emprendedoras que presenten as mellores ideas, orixinais e innovadoras, susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo. Dirixida a toda a comunidade universitaria galega de calquera das áreas de coñecemento, a iniciativa outorga cinco premios de 600 euros.

 

Agora ¡Á procura de socios industriais para desenvolver a idea!