Investigadores do CiQUS publican en Oxford Press un no libro sobre a espectroscopia de RMN

06/11/2015
No traballo “A Asignación da Configuración Absoluta por RMN utilizando Axentes Derivatizantes Quirales: Unha Guía Práctica”, os profesores Seco, Quiñoá e Riguera presentan unha investigación de vangarda no campo da RMN ofrecendo a unha guía breve e útil que introduce ao lector na investigación cunha gran cantidade de detalles e exemplos.

 

A Espectroscopia de resonancia magnética nuclear (RMN) é unha técnica que utiliza as propiedades magnéticas dos núcleos dos átomos para obter información sobre a estrutura e propiedades das moléculas. A RMN constitúe o método espectroscópico máis poderoso para a determinación da estrutura en moléculas orgánicas.

O uso desta técnica RMN para a asignación da configuración absoluta, é dicir, a disposición espacial dos átomos dunha molécula orgánica, é particularmente útil cando se dispón dunha pequena cantidade de mostra ou cando se necesita un método rápido e barato.

O libro explica brevemente os aspectos teóricos que subxacen detrás desta metodoloxía, dedicando unha parte importante a cubrir os aspectos prácticos da asignación da configuración, así como á selección do reactivo auxiliar máis adecuado.

Para ilustrar esta metodoloxía inclúense numerosos exemplos e espectros tomados de experimentos dos propios autores. Desde titulados superiores, a estudantes universitarios, investigadores químicos e farmacéuticos, atoparán nesta guía unha ferramenta moi útil para os seus estudos.

A contribución dos investigadores do CIQUS, os Profesores R. Riguera, E. Quiñoá e J.M. Seco, a este campo estendeuse desde o estudo dos fundamentos teóricos ata o desenvolvemento de novos e máis eficientes reactivos auxiliares, ampliando así considerablemente a gama de aplicacións. Eses esforzos axudaron a transformar o que ao principio era case máis que unha curiosidade científica nunha metodoloxía fácil e barata que permite a determinación da configuración absoluta de moitas clases diferentes de compostos orgánicos.

      De esquerda a dereita, José Manuel Seco, Emilio Quiñoá e Ricardo Riguera.