‘Chemical Science’ destaca na súa portada unha colaboración interna do CiQUS

11/10/2019

A emblemática revista da Royal Society of Chemistry (RSC) publica un traballo integramente desenvolvido polos grupos dos profesores Javier Montenegro e José Luis Mascareñas, no que se presentan novos conxugados peptídicos capaces de atrapar e transportar compostos que emiten luz para liberalos posteriormente no citosol celular.


Os autores do traballo: de esquerda a dereita José Luis Mascareñas, Héctor Fernández, Irene Lostalé, Miguel Calvo e Javier Montenegro. / (Foto: Andrés Ruiz / CiQUS).

De tódalas substancias líquidas presentes no medio intracelular, o citosol é o fluído máis abundante; nas células eucariotas atópase dentro da membrana, e forma parte do citoplasma. Desde o punto de vista da química biolóxica e a medicina, a liberación no citosol celular de innovadores fármacos e sondas moleculares constitúe un importante desafío, xa que moitos destes compostos non poden ser transportados de xeito eficiente a través das membranas celulares e, por tanto, nunca chegan a exercer a súa acción terapéutica (ou non completamente).

Neste contexto, un novo traballo desenvolvido integramente no CiQUS polos equipos dos profesores Javier Montenegro e José Luis Mascareñas, presenta agora unha solución nun artigo destacado pola revista ‘Chemical Science’, que vén de escollelo como portada do seu último número. Nel, os investigadores propoñen como resposta a este reto unha nova estratexia baseada no deseño e a síntese de novos conxugados peptídicos, capaces de atrapar este tipo de moléculas e ofrecerlles un transporte seguro ata a súa posterior liberación no interior das células.

«Aplicamos con éxito este enfoque en diferentes liñas celulares, demostrando a robustez e versatilidade da metodoloxía», afirma satisfeito o investigador predoutoral Héctor Fernández Caro, primeiro autor do artigo. Pola súa banda, a investigadora posdoutoral Irene Lostalé Seijo salienta que «sabemos que o mecanismo de transporte cara ao interior das células funciona, porque é idéntico ao que puidemos observar no laboratorio».

A alta eficiencia da metodoloxía desenvolvida permitiu tamén facer un seguimento do pH en distintas partes da célula, o que demostra a aplicabilidade da metodoloxía no transporte de compostos que poidan ser de interese. En palabras do Prof. José Luis Mascareñas, un dos responsables do traballo, «estes prometedores resultados permitirán abrir novas vías de desenvolvemento no ámbito da química biolóxica para, por exemplo, obter un transporte de fármacos máis eficiente», apunta o director científico do CiQUS.


Referencias

Supramolecular caging for cytosolic delivery of anionic probes

H. Fernández-Caro, I. Lostalé-Seijo, M. Martínez-Calvo, J. Mosquera, J. L. Mascareñas and J. Montenegro, Chem. Sci., 2019, 10, 8930

DOI: 10.1039/C9SC02906K