Crean nanoesferas capaces de transportar iones con carga negativa a través de la membrana celular

17/03/2016

Angewandte Chemie destaca un traballo do CiQUS como ‘Hot Paper’ (unha selección de artigos de especial relevancia científica realizada polos editores), no que se describe un novo método de recoñecemento de anións inorgánicos mediante o uso de péptidos cíclicos.


 

Os ións son átomos ou moléculas con carga eléctrica, unha propiedade que deben ao feito de contar cun número distinto de electróns e protóns na súa estrutura; se a súa carga eléctrica é de signo positivo coñécense como catións, mentres que os anións se caracterizan por presentar unha carga eléctrica negativa.

Trátase de moléculas moi habituais na natureza, xa que moitos procesos biolóxicos están regulados por ións: actores moleculares tan protagonistas como o ADN e o ARN, os ácidos nucleicos que almacenan e transmiten a información xenética, non son outra cousa que longos polímeros aniónicos cunha elevada carga negativa.

Existen outros tipos de anións inorgánicos nos fluidos extracelulares –como o cloruro, o carbonato ou o fosfato-, cuxa desregulación está asociada a enfermidades como a fibrose quística ou a mineralización ósea; por esta razón, a aproximación dos químicos a este tipo de trastornos baséase no desenvolvemento de métodos de síntese que permitan en primeiro lugar o recoñecemento selectivo dun determinado tipo de ión, para posteriormente aborda-lo seu transporte desde -ou ata- o interior das células, co obxectivo de controlar tanto o seu fluxo como a súa concentración.

Recentemente, a revista Angewandte Chemie -unha das de maior impacto no ámbito da química a nivel mundial- destacou como Hot Paper un traballo realizado por investigadores do CiQUS que describe un novidoso proceso de recoñecemento de anións inorgánicos -como son os cloruros ou carbonatos-, empregando pequenos péptidos cíclicos.

Este proceso prodúcese como consecuencia da unión de ámbolos dous componentes (os anións e os péptidos cíclicos), que se asocian para dar lugar a unhas pequenas esferas de tamaño nanométrico con novidosas propiedades; os anións acaban integrándose na estrutura de estas nanoesferas, conseguindo atravesa-las membranas celulares de forma eficiente e facilitando así o tránsito dos ions dun lado ao outro da membrana.

Por outra parte, o carácter peptídico destas esferas e a reversibilidade da súa formación fainas especialmente atractivas de cara á súa posible utilización en procesos biolóxicos, como aqueles nos que sexa necesario interferir regulando de forma precisa o fluxo dos anións.

O traballo, realizado polos investigadores do CiQUS Nuria Rodríguez Vázquez e o Dr. Manuel Amorín en colaboración co Dr. Ignacio Alfonso (IQAC-CSIC), contou  coa coordinación do Profesor da USC Juan Granja, Investigador Principal do centro.

Nota técnica

Demostrouse como un octapéptido cíclico é capaz de pregarse nunha conformación con “forma de V", permitindo o recoñecemento selectivo de anións tales como cloruro, nitrato e carbonato. O proceso de recoñecemento selectivo de anións implica a ensamblaxe simultánea de seis subunidades de péptidos cíclicos e catro anións para dar lugar a un clúster supramolecular que facilita de forma eficiente o transporte transmembranal de ditos anións.