O CiQUS organiza por segunda vez esta actividade formativa para docentes de Física e Química en Educación Secundaria e Formación Profesional, que terá lugar o vindeiro mes de xaneiro.
Os vindeiros 26 e 27 de xaneiro, o CiQUS volverá abrir as súas portas ao profesorado non universitario coa segunda edición do curso Avances en Investigación Química, unha actividade formativa enmarcada nas distintas estratexias promovidas polo centro para fomentar o talento e a formación continua, dirixida a docentes en centros de Educación Secundaria e Formación Profesional.
Ao longo de dúas xornadas intensivas, os responsables do curso presentarán os últimos avances no mundo da Química a nivel global, repasando as aproximacións máis punteiras que se están a desenvolver desde o mundo da investigación co gallo de dar resposta ás necesidades da sociedade.
Asemade, os asistentes terán a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións do CiQUS durante unha visita aos laboratorios, que incluirá demostracións científicas relacionadas con algunhas das liñas de investigación desenvolvidas actualmente no centro.
O prazo para participar nesta actividade permanecerá aberto ata completar a cota máxima de 50 inscricións, que se formalizarán por estrita orde de solicitude. Os interesados poden rexistrarse ata o 30 de novembro cubrindo o formulario de inscrición online.