De nenas a investigadoras: o camiño da Ciencia

05/02/2021

"De nenas a investigadoras: o camiño da Ciencia​" é o título da mesa redonda que organizará o próximo 11 de febreiro a Rede de Centros Singulares da USC (RCSI), conformada por CiQUS, CiMUS, CiTIUS, e IGFAE, coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

A investigación de excelencia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no marco da plataforma Ciencia Singular e a través dos seus centros singulares  CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE, diríxese de novo á sociedade para celebrar con centros educativos de toda Galicia o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia 2021. En formato virtual, a iniciativa busca achegar as experiencias de investigadoras de diferente perfil e etapa profesional co obxectivo de promover vocacións científicas. Investigadoras en fase predoctoral, postdoutoral, xefas de grupo e directivas dos catro centros singulares da USC contarán as claves, anécdotas e logros das súas traxectorias a fin de espertar a chamada da ciencia en nenas e mozas que decidan orientar a súa formación cara a diferentes ámbitos da ciencia.

Moderada pola responsable de comunicación de IGFAE, Elena Moura, a mesa de debate contará coa participación de María José Gómez (investigadora  predoctoral no IGFAE), Catarina Allegue (investigadora posdoctoral no CiMUS), María Giménez (investigadora principal no CiQUS) e Paula López (Directora Adxunta no CiTIUS).

Terá lugar a as 10 h. o vindeiro xoves 11 de febreiro e poderase seguir en directo a través de Zoom previo rexistro nesta ligazón.