O CiQUS promove xunto á Facultade de Química da USC o curso de formación 'Investigación e Docencia en Química', unha actividade formativa para docentes de Física e Química en Institutos de Educación Secundaria (IES) e Formación Profesional (FP).
Ata 50 profesores de secundaria e formación profesional converteranse en alumnos do CiQUS os próximos 24 e 25 de xaneiro de 2020, coincidindo co curso Avances en Investigación Química. Esta actividade formativa, que na súa terceira edición levará por nome 'Investigación e Docencia en Química', encádrase nas distintas estratexias promovidas polo centro para fomentar o talento e a formación continua.
Ao longo de dúas xornadas intensivas, os responsables do curso presentarán os últimos avances no mundo da Química a nivel global, repasando as aproximacións máis punteiras que se están a desenvolver desde o mundo da investigación para dar resposta ás necesidades da sociedade.
Asemade, os asistentes terán a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións do CiQUS durante unha visita aos laboratorios, que incluirá demostracións científicas relacionadas con algunhas das liñas de investigación desenvolvidas actualmente no centro.
O prazo para participar nesta actividade permanecerá aberto ata completar a cota de 50 inscricións, que se formalizarán por estrita orde de solicitude. Os interesados poden rexistrarse ata o próximo día 30 de novembro cubrindo o formulario de inscrición online.