A investigadora do CiQUS Natalia Barreiro, Premio Talento Mozo da Xunta de Galicia

13/12/2021

 

Natalia Barreiro, investigadora postdoutoral do CiQUS, foi galardoada co Premio Talento Mozo Galicia 2021 na modalidade Ciencia. Pormovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, este galardón recoñece a traxectoria excelente da investigadora no campo da viroloxía molecular.

O seu traballo estivo centrado no desenvolvemento dunha vacina contra o SARS-CoV-2 empregando un sistema de etiquetaxe molecular (IC-Tagging) desenvolvida ao completo nos laboratorios do grupo liderado polo Prof. José Manuel Martínez Costas. Con este sistema "somos capaces de producir microesferas proteicas en diferentes sistemas de expresión e produción de proteínas (bacterias ou células de insecto) nas que podemos cargar proteínas de interese de SARS-CoV-2 o que nos permite obter un candidato de vacina de tipo subunitario” explica Natalia sobre o desenvolvemento dun sistema que podería permitir a produción de vacinas de maneira máis rápida e económica. “Este premio é unha forma de recoñecer ó esforzo que se fixo e segue facendo no desenvolvemento da vacina no laboratorio, ademais de que sempre che fai ilusión que che concedan un premio polo teu traballo”.

O Premio Talento Mozo busca recoñecer as mellores iniciativas da mocidade en Galicia, visibilizando o seu talento e servir de modelo e testemuña para a sociedade civil en xeral. Nesta ocasión, outros catro mozos foron premiados xunto a Natalia Barreiro en distintas modalidades: rural, deporte, empresa, cultura e creación. Ademais da distinción honorífica, todos eles recibirán unha dotación de 5.000 €. Esta é a segunda ocasión na que o galardón recae nun investigador do CiQUS. Na primeira edición (2019) Cristian Vidal, do grupo MetBioCat, foi distinguido tamén na categoría Ciencia pola súa traxectoria excelente.

2021 está a ser un ano especialmente bo para as novas investigadoras do CiQUS, cuxo talento está a ser recoñecido en distintos certames nacionais. Soraya Learte e Eva Rivera recibiron en xuño o Premio de Investigación para Alumnos de Doctorado concedido pola Real Sociedad Española de Química e a Fundación Lilly. Sen dúbida, todos estes recoñecementos contribúen a poñer de manifesto a capacidade do CiQUS na súa aposta por promover o desenvolvemento das súas carreiras científicas.

 

Natalia Barreiro, Premio Talento Mozo Galicia 2021 | CiQUS