Científicos do CiQUS describen na reputada revista JACS unha nova estratexia molecular para atravesar a barreira exterior das células.
As células son as estruturas fundamentais da vida: millóns delas dan forma ao corpo humano, illadas por membranas que actúan como barreiras intelixentes e as preservan de ameazas externas; un escudo protector que permite unicamente a entrada de determinados materiais e nutrientes e pecha o paso a todos os demais, ben sexan toxinas ou substancias benignas de uso terapéutico –como os medicamentos-.
Un dos grandes retos da investigación biomédica na actualidade reside no estudo e a análise destes procesos de internacionalización, co obxectivo de comprendelos mellor para chegar a introducir de xeito controlada na célula fármacos ou outros materiais destinados á súa cura ou reparación.
No marco desta liña de investigación, a revista de meirande prestixio internacional no ámbito da Química (JACS [Journal of the American Chemical Society]), publicou recentemente nun dos seus últimos números unha nova achega desenvolvida por un equipo de científicos do CiQUS. Nela, os investigadores do centro propoñen unha estratexia molecular que permite activar a vontade a internalización celular de distintos péptidos sintéticos (os 'irmáns pequenos' das proteínas creadas no laboratorio).
'Altura máxima permitida': un guindastre con forma de cápsula
Os novos sistemas moleculares presentan un balance de carga negativo, ou o que é o mesmo: un número maior de cargas negativas que positivas na súa estrutura. Con esta premisa como punto de partida –unha singularidade que lles impide atravesar a membrana celular-, os científicos do CiQUS conseguiron alterar ese balance mediante o deseño e a introdución dunha 'cápsula', capaz de enmascarar unha parte do elevado número de cargas negativas nos péptidos. Así, esta nova cápsula nanométrica consegue liberar a zona cargada positivamente, facilitando a entrada do composto no interior da célula.
«Imaxinemos un camión cunha carga tan alta no seu remolque que lle obriga a deterse ao chegar a un túnel», explica a investigador ERC Advanced Grant José Luis Mascareñas, director do traballo: «convertemos esta cápsula en algo parecido a un 'guindastre externo', co que podemos trasladar ese exceso de carga a unha zona máis baixa do remolque para conseguir que o camión poida atravesar o túnel», afirma.
Outro dos autores do artigo, o investigador predoutoral Jesús Mosquera, destaca que «tanto o deseño conceptual do traballo como a súa execución foron desenvolvidos integramente polo grupo MetBioCat do CiQUS, aínda que a elaboración da cápsula tivo lugar ao longo dunha breve estancia nos laboratorios de química da Universidade de Cambridge, nunha colaboración co Profesor J. R. Nitchske». A lista de autores complétase cos investigadores Jéssica Rodríguez, José R. Couceiro e o Profesor M. Eugenio Vázquez, todos eles membros do CiQUS.