O traballo da investigadora Jessica Rodríguez Villar figura entre os 45 finalistas que optarán a este prestixioso premio, considerado como o galardón de maior relevancia internacional para estudantes de doutoramento en química
«Para min é un gran orgullo que o meu traballo de tese fose recoñecido cun premio de tanto prestixio internacional, onde compiten investigadores das mellores universidades do mundo, ademais dun estímulo para seguir investigando». A doutora egresada do CiQUS Jéssica Rodríguez Villar mostraba a súa satisfacción logo de ser seleccionada entre os 45 mozos finalistas que optarán a recibir o premio 'Reaxys PhD Prize 2017', considerado como o galardón máis prestixioso a nivel internacional dirixido a estudantes de doutoramento en química.
O xurado valorou no seu nomeamento a gran calidade das publicacións resultantes da tese desenvolvida pola investigadora baixo a dirección dos Profesores José L. Mascareñas e Eugenio Vázquez; un traballo centrado en gran medida no deseño de axentes peptídicos que interaccionan con zonas selectivas do xenoma. Con todo, incidiu de forma relevante na súa valoración un paper publicado na prestixiosa revista JACS no que se describe un novo concepto para inducir a internalización celular de miniproteinas e péptidos.
Jéssica Rodríguez, que na actualidade está a desenvolver unha estancia posdoutoral na Université Paul Sabatier - Toulouse III (Francia), suma así unha nova distinción ao seu traballo, recoñecido previamente polo Grupo Especializado de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química (RSEQ) co premio á Mellor Tesis de doutoramento en Química Biolóxica en 2016, que se suma á Mención Honorífica dos Premios Ernesto Viéitez da Real Academia Galega de Ciencias, recibida o pasado mes de decembro.
Un galardón altamente competitivo
Caracterizado pola súa alta competividade, soamente 45 traballos foron seleccionados como finalistas entre un total de 550 candidaturas procedentes dalgunhas das institucións máis destacadas a nivel internacional (Harvard, Berkeley, MIT, Stanford, Princeton, Cambridge, Tokyo...). Os estudantes seleccionados, entre os que se atopa outro investigador español (Antonio Bauzá, da Universidat deas Illes Balears), terán agora a oportunidade de expor os seus traballos durante o Simposio Reaxys Phd Prize, que se celebrará os días 19 e 20 de outubro en Shangai, onde a Xunta Asesora de Reaxys e os Coordinadores do Premio de Doutoramento seleccionarán aos tres gañadores finais do certame.
Este recoñecemento supón nun importante pulo para o CiQUS e a USC, confirmando a calidade da actividade formativa e investigadora desenvolvida nos seus laboratorios, e sumándose á listaxe de premios obtidos polos mozos investigadores do centro nos últimos anos, entre os que destacan a Medalla de Prata dos Premios European Young Chemistry Award 2012, a obtención de cinco premios Lilly desde ese mesmo ano e a consecución de varios premios SuChem a mozos investigadores.