José Luis Mascareñas, director científico do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) vén de ser elixido presidente científico da 58ª edición da Bürgenstock Conference, que terá lugar no mes de maio en Suiza. Este prestixioso congreso internacional, coñecido formalmente como a "SCS Conference on Stereochemistry", é un referente mundial no mundo da Química e un punto de encontro para discusións interdisciplinarias ao máximo nivel. O Prof. Mascareñas será o terceiro español en recibir este recoñecemento internacional. Entre a lista de previos presidentes atópanse ata catro premios Nobel. Como presidente asume a responsabilidade de realizar a programación científica e seleccionar os relatores, entre os que normalmente se inclúe algún premio Nobel, e de asegurar o nivel científico do evento.
A Bürgenstock Conference é unha reunión científica de gran prestixio e singularidade que se celebra desde o ano de 1965, nunha contorna deseñada para promover a interacción relaxada pero intensa entre os seus asistentes. Os participantes que non son relatores, uns 100-120, tamén son seleccionados entre líderes científicos de todas as idades, co fin de asegurar o nivel de discusión. Cada ano tamén asisten ao congreso varios lideres de I+D de industrias químicas e farmacéuticas. Unha das singularidades do evento é que o seu programa non se revela ata a sesión inaugural, o que engade interese e un trazo de exclusividade á conferencia. Os participantes deben comprometerse a asistir toda a semana, un requisito pouco común noutros congresos deste tipo, e os relatorios inclúen discusións prolongadas despois das presentacións.
Nos seus inicios, a conferencia centrábase en aspectos relacionados coa estereoquímica, unha disciplina clave para entender os procesos da vida e as propiedades da materia a nivel molecular, pero foi evolucionando ata converterse nun foro multidisciplinar no que se abordan os avances máis innovadores en química sintética e biolóxica, a medicina molecular ou o deseño de materiais. O nomeamento de Mascareñas contribuirá a aumentar a visibilidade internacional do CiQUS e da USC, especialmente no ámbito da Química.
O Prof. Mascareñas convértese no terceiro español en recibir este recoñecemento internacional.