-
O galardón que concede a editorial alemá recoñece a mozos investigadores que destacan no campo da química orgánica.
A editorial Thieme Chemistry concedeu o galardón "Thieme Chemistry Journals Award 2023" a Manuel Nappi, investigador junior do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). O premio outórgase anualmente a científicos que se atopan na etapa inicial da súa carreira como investigadores independentes e que comezan a destacar no campo da química orgánica.
"Para min é un recoñecemento aos resultados obtidos ata o de agora, pero tamén un desafío de fronte ao futuro. É unha motivación para seguir facendo investigación química de vangarda" comenta Nappi respecto ao galardón obtido. O seu traballo céntrase en utilizar a luz visible e o sol para activar e valorizar materias primas orgánicas en química sintética. "As condicións de reacción notablemente suaves fan que as nosas metodoloxías sexan tamén compatibles con macromoléculas biolóxicas como ADN e entón particularmente atractivas para química medicinal" explica o investigador.
A distinción outorgada por Thieme Chemistry pretende ser un signo de recoñecemento e estímulo profesional para a nova xeración de químicos orgánicos. Os premiados son seleccionados exclusivamente polos membros da xunta editorial de SYNTHESIS, SYNLETT e SYNFACTS que seguen a pista a mozos prometedores que traballan en síntese química e catálisis, ou en áreas estreitamente relacionadas coa química orgánica.
Tras o seu paso por distintos laboratorios internacionais de recoñecido prestixio, Manuel Nappi incorporouse ao CIQUS en 2020 como investigador junior para desenvolver a súa liña de investigación independente: "Formar parte do CiQUS é para min unha gran oportunidade. É un centro de investigación excelente con instalacións de moi alto nivel, unha contorna científica competitiva e multidisciplinar, e que ademais conta cun persoal de apoio á xestión e a investigación moi dedicado". Non é a primeira vez que investigadores do CiQUS conseguen este recoñecemento. Na edición de 2015 o "Thieme Chemistry Journals Award" conseguiuse por partida dobre, cando os membros da xunta editorial concederon o premio a Martín Fañanás e a Moisés Guiliás.