Martín Fañanás gaña un novo premio da RSEQ para o CiQUS

26/05/2016

O investigador Ramón y Cajal Martín Fañanás fíxose cun dos catro premios que concede a Real Sociedade Española de Química (RSEQ) na categoría ‘Jóvenes Investigadores’.


A Real Sociedade Española de Química (RSEQ) ven de premiar novamente a labor investigadora do CiQUS. A recente publicación dos seus premios anuais confirma ao investigador do centro Martín Fañanás Mastral como un dos catro galardoados na categoría Jóvenes Investigadores, que recoñece de maneira preferente as traxectorias profesionais  apuntando cara o liderado científico na súa área. De esta maneira, a edición 2016 inclúe  de novo a un representante do centro, logo do éxito acadado en 2015 coa concesión da  Medalla de Ouro a José Luis Mascareñas e o propio Jóvenes Investigadores a Moisés Gulías.

Na resolución da convocatoria, a RSEQ destaca que o premio foille outorgado «en recoñecemento á súa destacada e visible traxectoria no desenvolvemento de procesos catalíticos mediante o uso de compostos organometálicos en síntese orgánica selectiva e á súa aplicación en síntese orgánica asimétrica».

Martín Fañanás, que se doctorou na Universidade de Oviedo no ano 2007 cunha tese cum laude galardoada co Premio Extraordinario de Doutoramento, incorporouse ao CiQUS no ano 2014, onde actualmente traballa como investigador Ramón y Cajal.

O seu traballo de investigación céntrase no desenvolvemento de novas metodoloxías catalizadas por complexos de metais de transición que permitan levar a cabo transformacións sustentables e de alta eficiencia atómica, orientadas á formación enantioselectiva de ligazóns C-C e a activación e funcionalización de alcanos, así como á síntese de compostos de fósforo con interese biolóxico.

Realizou estancias no extranxeiro como doutorando (Universidade de Cambridge, Reino Unido) e investigador postdoutoral (Universidade de Groningen, Países Baixos), publicando cerca de 50 artigos de investigación en revistas de alto índice de impacto como Nature Chemistry, Angewandte Chemie, Journal of the American Chemical Society (JACS) ou Chemical Science, codirixindo asemade dúas teses doutorais e cinco traballos de Máster.

A concesión do premio supón un novo éxito na carreira de Fañanás engadido a logros previos, entre os que destacan o Thieme Chemistry Journal Award 2015 ou a recente obtención dunha das prestixiosas axudas da Fundación BBVA a Investigadores e Creadores Culturais. En palabras do propio investigador, «para mín supón unha honra recibir o premio a Jóvenes Investigadores da Real Sociedade de Química Española; é un recoñecemento á miña traxectoria investigadora e un apoio enorme para seguir investigando mesmo con máis folgos, se cadra».