A spin-off do CiQUS é unha das tres startups premiadas polo programa de crowdworking impulsado por Telefónica, en colaboración coa Xunta de Galicia.
MD.USE Innovative Solutions, spin-off do CiQUS especializada no desenvolvemento de software científico de modelado molecular para a simulación e predicción de resultados experimentais en laboratorio, foi seleccionada como unha das tres empresas de base tecnolóxica gañadoras da segunda edición do programa de apoio a startups Galicia Open Future, promovido por Telefónica e a Administración Autonómica galega a través de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
O xurado premiou a aposta desta compañía en recoñecemento á súa aportación aos sectores estratéxicos de Galicia, valorando o seu alto grao de innovación, potencial de mercado e viabilidade demostrada polo proxecto, así como a súa composición multidisciplinar e a utilización das últimas tecnoloxías. A empresa recibirá unha axuda de 25.000 euros para avanzar no desenvolvemento da idea de negocio abrindo, ademais, o acceso a unha liña de financiación complementaria de idéntico importe a través dun préstamo reembolsable canalizado por XesGalicia, a sociedade galega xestora de entidades de capital risco.
Sobre a compañía
MD.USE aglutina a investigadores especialistas en simulación computacional, programadores, desarrolladores de aplicacións en Realidade Virtual e expertos en xestión empresarial. Na actualidade conta cunha liña de negocio complementaria enfocada ao desenvolvemento de apps educativas no ámbito da química, incorporando tecnoloxías de última xeración aos seus productos.
O programa
Galicia Open Future é un gran centro de emprendemento que ofrece a 50 proxectos empresariais innovadores a posibilidade de desenvolver a súa idea co obxectivo de impulsa-la xeración de riqueza e emprego en Galicia, e está deseñado para conectar a emprendedores, startups, investidores e organizacións públicas e privadas de todo o mundo.