A spin-off do CiQUS foi seleccionada entre os 100 finalistas que competirán ante máis de 400 investidores neste evento emprendedor, un dos de meirande impacto en Europa.
A V Edición do South Summit, un dos acontecementos máis importantes de Europa para startups, contará coa presenza da spin-off do CiQUS MD.USE Innovative Solutions, que foi seleccionada entre as 100 finalistas que competirán ao longo deste evento de clara vocación internacional, capaz de atraer o mellor talento de Europa meridional e Latinoamérica. A decisión do xurado, feita pública a finais do pasado mes de xullo, confirma a traxectoria ascendente desta compañía xurdida do ámbito investigador, que ao longo do presente ano foi recoñecida en distintos programas de emprendemento e mesmo logrou presentar a súa tecnoloxía durante a última edición do Barcelona Mobile World Congress (2016).
Especializada en desenvolvemento de software científico e servizos de simulación, MD.USE sérvese de distintas técnicas de realidade virtual para achegar as ferramentas computacionais a usuarios non expertos, nun esforzo por salvar a fenda entre experimentación e técnicas computacionais. Así, estas simulacións de sistemas moleculares e moléculas individuais proporcionan unha gran cantidade de información atómica que resulta complementaria aos experimentos realizados en laboratorios estándar, o que permite aforrar custos e mellorar en eficiencia.
South Summit: fonte de innovación
Con máis de 7.000 asistentes –entre os que figuran uns 3.500 emprendedores e 450 investidores-, este encontro tense consolidado xa como un punto de contacto de gran relevancia a nivel global, cuxo obxectivo fundamental é facer unha escolma das innovacións máis significativas e poñelas en contacto con algúns dos maiores clientes e investidores da rexión, mostrando ao mundo as mellores startups procedentes do sur.
Durante a súa participación no South Summit 2016, que terá lugar do 5 ao 7 de outubro, MD.USE competirá entre as 100 Startups seleccionadas como as máis innovadoras entre distintos sectores e lugares de procedencia, no marco dun encontro líder deseñado para tender pontes entre startups, investidores e empresas que apostan pola innovación.