Con este premio, SUSCHEM recoñece o mellor artigo científico dun estudante de doutoramento publicado durante o ano 2015.
A Plataforma Tecnolóxica de Química Sostible SusChem España concedeu á investigadora do CiQUS Noelia Casanova o premio Predoc-MestreLab 2016 ao mellor artigo científico publicado por un estudante de doutorado durante o ano 2015.
O traballo, publicado na revista Angewandte Chemie baixo o título “Rhodium-Catalyzed (5+1) Annulations Between 2-Alkenylphenols and Allenes: A Practical Entry to 2,2-Disubstituted 2H-Chromenes”, sitúase como un highly cited paper en Web of Science (está entre o 1% dos artigos máis citados da súa área no mesmo ano de publicación) e describe unha novidosa maneira de sintetizar derivados de cromenos empregando sustancias de partida sinxelas, e permitindo o uso de disolventes sen secar e ao aire.
A reacción procede a través dun proceso en cascada que implica a activación dun enlace C-H cun catalizador de Rh(III), a adición a un aleno e logo é seguido dun proceso de migración [1,7] de hidróxeno e un peche de anel mediante unha reacción electrocíclica.
Promoción do talento
O obxectivo dos Premios 'SusChem Jóvenes Investigadores' é outorgar un recoñecemento público á labor de investigadores menores de 40 anos no ámbito da química en España, mediante o apoio, promoción e estimulación da súa actividade científica e divulgativa.