Baixo o lema “Conciencias Creativas”, o pasado venres celebrouse a Gnight, un evento de divulgación científica co que Galicia sumouse á Noite Europea das Persoas Investigadoras no seu décimo aniversario. En Santiago, e coordinados pola USC, as actividades comezaron ás 18:00 horas nos xardíns do Pazo de Fonseca, e alí estivo o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) para achegar a química con expermientos e demostracións para todos os públicos.
Ao comezar a tarde, un desfile de pequenas mentes inquietas atreveuse a desafiar a choiva para converterse os nosos cómplices durante un intre, así que non desaproveitamos a oportunidade. O espectáculo estaba servido: creamos neve artificial, explosións (controladas) e ata usamos col lombarda para ensinarlles a medir o pH. En colaboración coa Sociedade Xuvenil Galega de Química, levaron a cabo ata seis experimentos diferentes onde pequenos e maiores divertíanse á vez que aprendían os “segredos” científicos do que estaban a ver.
De forma paralela a estas actividades, púidose seguir unha programación en streaming con diferentes presentacións onde os investigadores expuxeron de forma chaira e amena os seus últimos traballos. Por parte do CiQUS interveu o Prof. Diego Peña, explicando a manipulación de moléculas individuais no marco do seu proxecto MolDAM (ERC SyG), e o Prof. Martín Fañanás, que fixo o propio co seu proxecto BECAME (ERC CoG), onde están a deseñar novos catalizadores metálicos para a transformación do metano.
Unha vez máis, a Noite Europea das Persoas Investigadoras puido celebrarse de maneira simultánea en toda Europa para achegar a investigación aos cidadáns, promover a cultura científica e espertar vocacións entre os máis novos.
GNight · Noite Europea das Persoas Investigadoras