O CiQUS da USC, o Centro do Sistema Universitario Galego con maior número de investigadores ERC

16/12/2020
  • Un total de sete investigadores do CiQUS recibiron financiamento do Consello Europeo de Investigación a través de dez proxectos, sumando ao redor de 14 millóns de euros de financiamento captado 

  • O Centro consegue abarcar a gama completa de ERC Grants: StG, CoG, AdG, PoC e SyG 

  • Hoxe participaron no I Encontro Oportunius, organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia

 

O CiQUS é o Centro do Sistema Universitario Galego (SUG) con maior número de beneficiarios do Consello Europeo de Investigación (ERC). José Luis Mascareñas, Martín Fañanás, Francisco Rivadulla, Javier Montenegro, María Giménez, Beatriz Pelaz e Diego Peña son os investigadores do Centro que recibiron financiamento do ERC para desenvolver os seus proxectos. Deste xeito, o CiQUS consolídase como polo de atracción, pondo de manifesto o seu posicionamento en Europa e o seu potencial na captación de talento. 

En total unha decena de proxectos que suman ao redor de 14 millóns de euros de financiamento captado a través deste programa e que permitiron cubrir o espectro completo destas axudas: Advanced Grants, Consolidator Grants, Starting Grants, Proof of Concept e Synergy Grants. Ademais, oito destes proxectos ERC foron financiados nos últimos catro anos, avalando o crecente recoñecemento internacional do Centro. 

Os investigadores do CiQUS beneficiarios das axudas ERC conforman unha nova xeración de científicos que apostan por Galicia para desenvolver a súa carreira científica. Foron presentados hoxe, xunto co resto de ERC de Galicia, no I Encontro Oportunius organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e presidido polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde. O programa Oportunius é unha iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración co SUG, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e outros organismos de investigación de Galicia, que ofrece condicións atractivas para reter, retornar e atraer talento investigador a Galicia.  
 

Sobre o ERC  

O Consello Europeo de Investigación (ERC) busca financiar a longo prazo proxectos de investigadores excelentes, así como os seus equipos de investigación. O proceso de selección é extremadamente competitivo e selectivo, cunha taxa de éxito menor do 10%. Existen tres convocatorias para diferentes etapas da carreira científica (Advanced, Consolidator ou Starting Grants), unha específica para a transferencia de tecnoloxía (Proof of Concept) e outra para proxectos colaborativos (Synergy Grants). 

Foto: GAIN