I Edición Santiago de Compostela en marcha contra o cancro | AECC
-
O evento terá lugar o próximo 24 de setembro e comezará o percorrido ás 10:00 horas na Alameda. O obxectivo é colaborar na investigación oncolóxica e o financiamento de proxectos que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. As inscricións están abertas ata o próximo 22 de setembro.
O próximo 24 de setembro celébrase a primeira edición da Andaina Solidaria Santiago de Compostela En Marcha contra ou Cancro, organizada pola Asociación Española Contra el Cáncer (AECC). A camiñada de cinco quilómetros comezará ás 10:00 horas na Alameda e pasará polo campus universitario antes de volver ao comezo. Ao chegar a meta terá lugar a feira divulgativa Ciencia para todos, con actividades para todos os públicos organizadas por distintos centros e grupos de investigación de Santiago.
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) participará na iniciativa cunha selección de investigacións que se están levando a cabo actualmente nesta área. Investigadores do centro implicados en distintos proxectos contra o cancro, algúns dos cales financiados pola AECC, estarán presentes na feira para expoñer os seus traballos e explicar de primeira man aos cidadáns as distintas estratexias que están a empregar nas súas investigacións. Ademais do CiQUS, tamén participará o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e o grupo ONCOMET.
A cita coincide co Día Mundial de Investigación Contra o Cancro, unha data coa que se pretende concienciar sobre a importancia da ciencia para avanzar no tratamento da enfermidade. Os organizadores esperan que esta iniciativa permita aos veciños composteláns colaborar na investigación contra o cancro e mellorar o seu diagnóstico. Desde o CiQUS animámosvos a participar neste evento, e aproveitamos para lembrar aos que aínda non se inscribiron que poden facelo ata o 22 de setembro ás 15:00 h a través da páxina web da AECC.