O Grupo Especializado de Química Orgánica (GEQOR) concedeu a Medalla Fèlix Serratosa 2024 ao Dr. Juan R. Granja, investigador principal do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). O grupo da Real Sociedad Española de Química (RSEQ) recoñece así a súa destacada traxectoria científica e as súas contribucións no campo da química supramolecular e a química de péptidos.
O Prof. Granja realizou importantes avances no deseño e síntese de estruturas moleculares complexas, así como no desenvolvemento de novos nanomateriais con aplicacións en biomedicina e nanotecnoloxía, sendo un dos pioneiros no desenvolvemento de nanotubos supramoleculares e na súa aplicación a modelos de canais iónicos. Ademais do Dr. Granja, os outros premiados nesta edición das Medallas do GEQOR son a Dra. Belén Martín Matute da Universidade de Estocolmo (Medalla Ignacio Ribas) e o Dr. Francisco Corzana López da Universidad de La Rioja (Medalla José Barluenga).
A entrega destes prestixiosos galardóns resalta o compromiso do GEQOR coa excelencia na investigación química. Este recoñecemento marca a séptima ocasión na que un investigador do CiQUS recibe unha destas distinguidas medallas, sumándose a outros galardoados como Félix Freire (Medalla José Barluenga 2023), Concepción González Bello (Medalla Ignacio Ribas 2021), Diego Peña (Medalla Ignaico Ribas 2018), Ricardo Riguera (Medalla Félix Serratosa 2013) e Carlos Sáa (Medalla Ignacio Ribas 2012). Ademais, o propio Juan R. Granja obtivo a Medalla Ignacio Ribas en 2014.