O investigador principal do CiQUS da USC, Diego Peña, un dos 34 profesores participantes no Cumio Europeo de Química

31/05/2022

 

  • A cita, Honour Science & Chemistry, está organizada polo Consello Europeo da Industria Química (Cefic)
  • O evento reproduciu a foto máis emblemática da historia da ciencia: a do congreso Solvay de 1927

 

O investigador principal do CiQUS da USC, Diego Peña, foi un dos 34 profesores do ámbito europeo da química invitados ao evento Honour Science & Chemistry, organizado polo Consello Europeo da Industria Química e celebrado onte no emblemático lugar dos congresos Solvay, o Hotel Metropole de Bruxelas.

Ademais de reunir a científicos de renome mundial, entre eles dous premios Nobel, o evento contou coa participación de mozos doutorandos en química de toda Europa e líderes da industria química. Todos discutiron como a química seguirá cambiando as nosas vidas nun futuro próximo e os retos globais aos que se enfronta.

O punto álxido do evento Honour Science & Chemistry foi a recreación da foto icónica do congreso Solvay de 1927, considerada a foto máis emblemática da historia da ciencia por reunir aos máis grandes científicos da época.

Reunión científica de alto nivel

No marco do 50 Aniversario do Cefic (Chemistry European Industry Council), celebrouse onte o acto Honour Science & Chemistry, que reuniu aos principais químicos de Europa e, xunto coas novas xeracións de doutorandos, debateuse sobre o futuro da química. Cun apretado programa de tarde e unha cea cos directores xerais da industria química europea, a Prof. Peña formou parte desta exclusiva selección de científicos que debateron sobre como afrontar algúns dos maiores retos do futuro, como a sustentabilidade ou a loita contra o cambio climático.

Reprodución da foto máis emblemática da historia da ciencia

O evento Honour Science & Chemistry está organizado polo Consello Europeo da Industria Química e ten como obxectivo recuperar o espírito dos famosos encontros Solvay de principios do século XX para tender pontes entre os líderes químicos do mundo académico e da industria en Europa. Este ambicioso obxectivo púxose de manifesto coa recreación dunha das fotos máis famosas da historia da ciencia: o congreso de Solvay de 1927, que reuniu aos científicos máis importantes da época como Marie Curie, Albert Einstein ou Erwin Schrödinger, entre outros.