A doutora Olalla Vázquez, que defendeu a súa tese no CiQUS e traballa na actualidade como investigadora no Philipps-Universität Marburg, recibiu o premio Cottrell-Fulbright Award 2016 polo proxecto “EpiTools: ferramentas químicas para desentraña mecanismos epixenéticos moleculares”. O seu traballo convenceu ao xurado ao amosar unha exitosa combinación de investigación e ensinanza focalizada particularmente en métodos innovadores, co gallo de motivar aos estudantes e involucrarse de forma temperá no mundo da ciencia.
Non é a primeira vez que Vázquez recibe un premio á súa traxectoria científica; no ano 2012, os premios European Young Chemistry Award (EYCA) recoñeceron a súa brillante labor concedéndolle a medalla de prata no 4th EuCheMS Chemistry Congress, celebrado en Praga. Ámbolos dous galardóns, sumados aos obtidos previamente por outros investigadores (como os sucesivos galardóns concedidos pola farmacéutica Lilly a xóvenes científicos) confirman a traxectoria de excelencia dos doutorandos do CiQUS.
En consecuencia, a investigadora recibirá unha financiación de 63.000 € para o desenvolvemento do seu proxecto, que terá unha duración de tres anos e combinará métodos innovadores en investigación e ensinanza, ademais de recibir 5.000 € para viaxar e participar nas Cottrell Scholar Conferences, que terán lugar en Tucson, Arizona
Sobre o galardón
O premio Cottrell-Fulbright, impulsado pola German-American Fulbright Commission no marco do sistema educativo alemán, está baseado no prestixioso premio Cottrell, promovido pola organización americana Research Corporation for Science Advancement. Desde a súa creación en 1994, foi concedido a destacados "docentes-investigadores" no ámbito das ciencias naturais, e emula a súa filosofia engadindo unha perspectiva trasatlántica e intercultural ao intercambio científico.