Os alumnos seleccionados reciben asesoramento científico no inicio das súas carreiras de investigación.
O CiQUS mantén a súa aposta pola incorporación de talento novo ao centro concedendo oito contratos a senllos alumnos de máster por quinto ano consecutivo; unha axuda a tempo parcial, pensada para ser compatible co desenvolvemento da súa actividade académica durante un período de nove meses.
Ao longo desta etapa formativa os estudantes seleccionados contan con asesoramento científico de gran valor no inicio das súas respectivas carreiras investigadoras, adheríndose a algunha das liñas de traballo activas nos distintos grupos do CiQUS como a síntese, illamento, caracterización ou estudo experimental e teórico de compostos químicos, biomoléculas ou materiais -entre outras-.
Apoiando a investigación
O principal obxectivo do Programa de Inicio á Investigación é incentivar o desenvolvemento de liñas de traballo cooperativas e/ou de interese estratéxico para o centro, así como ofrecer apoio aos alumnos durante a etapa formativa previa á realización da súa tese de doutoramento, unha fase académica que na actualidade non se atopa cuberta por convocatorias competitivas de axudas predoutorais.