A doutora egresada do CiQUS Jéssica Rodríguez recibe o Premio 2016 á mellor Tese de Doutoramento no campo da Química Biolóxica, un galardón concedido polo Grupo Especializado de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química.
Apenas uns meses despois da súa defensa na Facultade de Química da Universidade de Santiago, a tesis da doutora egresada do CiQUS Jéssica Rodríguez Villar volve ser premiada por segunda vez: logo de ser recoñecida o pasado mes de decembro cunha Mención Honorífica nos Premios Ernesto Viéitez da Real Academia Galega de Ciencias, a investigadora recibe agora o Premio á Mellor Tese de Doutoramento en Química Biolóxica en 2016, concedido polo Grupo Especializado de Química Biolóxica (GEQB) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
A decisión do xurado –que só tivo en conta aquelas candidaturas acreditadas coa máxima valoración académica nas súas universidades de orixe–, sorprendeu á científica en Francia, onde na actualidade realiza unha estancia posdoutoral na Université Paul Sabatier - Toulouse III. Ademais da dotación económica, o premio outorga á beneficiaria a posibilidade de presentar o traballo mediante unha comunicación oral ao longo da IV Bienal do GEQB, que terá lugar en Barcelona o vindeiro mes de febreiro de 2018.
Formada no CiQUS
A tese premiada forxouse no grupo do CiQUS MetBioCat, baixo a dirección dos profesores José Luis Mascareñas e Eugenio Vázquez. O traballo, titulado 'Derivados peptídicos sintéticos para a unión selectiva de ADN', foi avaliado polo tribunal coa máxima cualificación académica (Sobresaliente Cum Laude) e conta tamén con Mención de Doutoramento Europeo.