A spinoff do CiQUS MD.USE Innovative Solutions lanza a súa tecnoloxía no Mobile World Congress 2016

23/02/2016

O proxecto foi seleccionado a través da aceleradora de Telefónica «Galicia Open Future»              


MD.USE Innovative Solutions S.L., a spin-off da Universidade de Santiago de Compostela liderada pola investigadora do CiQUS Rebeca García Fandiño, participa estes días no encontro de startups 4YFN, un foro internacional de emprendedores que ten lugar no marco do prestixioso congreso Mobile World Congress'16 de Barcelona, un dos eventos tecnolóxicos de referencia a nivel global.

A empresa acude a esta edición da man do programa Telefónica Open Future, logo de ser seleccionada como proxecto pola aceleradora da compañía de telefonía Galicia Open Future. Os responsables de MD.USE Innovative Solutions presentaron esta mañá ante os inversores os distintos servizos que presta a empresa ao longo dunha sesión de lanzamento (pitching) programada na axenda do evento, namentres que durante a tarde de hoxe estarán presentes no stand de Telefónica.

Entre os servizos que ofrece esta startup de base tecnolóxica destaca unha nova e singular aplicación que permite visualizar moléculas en Realidade Virtual, ofrecendo unha espectacular inmersión con visualización 3D-360º. Esta aplicación é complementaria a  outros produtos de software científico baseados no modelado de moléculas e simulacións de dinámica molecular, que na actualidade se atopa en fase de desenvolvemento.