Iria Salvadó López, estudante de doutorado do CiQUS, defendeu o luns 11 de xaneiro a súa Tese Doutoral titulada “Deseño e síntese de metalopéptidos bioactivos de Ru(II) e Ir(III)”, na que describe a utilización da metodoloxía de síntese de péptidos en fase sólida para a obtención de complexos metálicos bioactivos de Ru(II) e Ir(III). Os profesores Miguel Vázquez López e M. Eugenio Vázquez, ámbolos dous investigadores do CiQUS, foron os supervisores deste traballo, o cal se enmarca na súa liña de investigación centrada no desenvolvemento de metalopéptidos con aplicacións na área da química biolóxica.
A química biolóxica é un campo de investigación que ten como obxectivo a aplicación de ferramentas e metodoloxías químicas para o estudo e modificación de sistemas biolóxicos. Malia o seu enorme desenvolvemento na última década, as contribucións desde a química de coordinación e, en xeral, da química inorgánica nesta área seguen a ser relativamente escasas.
Unha posible razón para este menor desenvolvemento poidera ser as diferenzas químicas intrínsecas entre as biomoléculas e a maioría dos ligandos utilizados en química de coordinación, que dificultan a integración dos complexos metálicos nos sistemas biolóxicos. Por outra parte, a rixidez e lentitude dos métodos clásicos de síntese en disolución utilizados tradicionalmente para obter os ligandos orgánicos precursores de complexos metálicos, dificulta o acceso rápido e sinxelo a estas moléculas.
Co fin de solucionar esos problemas, esta tese plantexa a utilización de ligandos péptidicos como precursores de complexos metálicos bioactivos, obtendo así sistemas con maior biocompatibilidade. Ademais, estos ligandos peptídicos poden ser obtidos a través dun procedemento sintético máis flexible, rápido e eficaz, aproveitando a metodoloxía sintética e péptidos en fase sólida.