O traballo, titulado 'Derivados peptídicos sintéticos para a unión selectiva de ADN', aborda o desenvolvemento de péptidos capaces de recoñecer ADN de forma selectiva.
A estudante de doutoramento do CiQUS Jéssica Rodríguez Villar defendeu hoxe na Facultade de Química a súa tese con mención de Doutoramento Europeo titulada 'Derivados peptídicos sintéticos para a unión selectiva de ADN', orientada ao desenvolvemento de péptidos capaces de recoñecer ADN de forma selectiva e que contou coa supervisión dos profesores José Luis Mascareñas e Eugenio Vázquez Sentís.
Este traballo, do cal algúns dos métodos desenvolvidos foron publicados en revistas internacionais de referencia como Journal of the American Chemical Society, Angewandte Chemie Int. Ed., Chemical Science ou Chemical Communications, aborda como a dispoñibilidade de moléculas intelixentes capaces de afectar á expresión de xenes específicos dun xeito predecible e programable podería conducir a unha mellor comprensión dos detalles moleculares deste proceso, así como levar a novos medicamentos que poidan modificar de maneira precisa a expresión dun determinado xen, no que se ten chamado como a precision medicine.
Por outra banda, tamén se describen novas estratexias para controlar a interacción destas moléculas co ADN mediante sinais externos específicos, de maneira que estes axentes poderían levar a cabo a súa actividade unicamente no lugar correcto e no momento adecuado.