As Teses do CiQUS: Noelia Casanova González

17/07/2017

Recentemente galardoada cun dos tres premios nacionais a investigadores predoutorais que concede anualmente a farmacéutica Lilly, a investigadora do grupo MetBioCat accedeu ao grao de Doutora o pasado venres.


A investigadora do CiQUS Noelia Casanova González, recentemente galardoada co premio Lilly para alumnos de doutoramento, defendeu o pasado venres a súa tese na Facultade de Química da USC, un traballo titulado "Transition metal-catalyzed oxidative annulations" e que foi desenvolvido no centro baixo a dirección dos profesores Moisés Gulías e José Luis Mascareñas.

Ao longo do estudo desenvolvéronse novas metodoloxías para a activación de ligazóns C-H con complexos metálicos de rodio e paladio en orto-alquenilfenoles, e a súa aplicación en reaccións de anulación. Así, estes procesos de anulación permitiron obter o esqueleto de compostos heterociclos bioactivos -como as benzoxepinas ou cromenos-, e tamén sistemas espirocíclicos, cunha alta eficiencia e selectividade.  

Os resultados da tese víronse reflectidos na publicación de varios artigos en diferentes revistas de referencia, entre os que destacan dous Journal of the American Chemical Society (JACS), un Angewandte Chemie (premio SUSCHEM Predoc Mestrelab), ou un ACS Catalysis.