Las tesis del CiQUS: Rubén Lobato Mosquera

25/01/2016

O estudante de doutorado do CiQUS, Rubén Lobato Mosquera defendeu esta mañá a súa Tese Doutoral titulada “Síntese de sistemas policíclicos a partir de bis-enolatos”. Un traballo que estivo supervisado polos profesores do CiQUS Javier Sardina e Rita Paleo.

Os bis-enolatos son intermedios de reacción de alto contido enerxético, moi interesantes na síntese química porque poden dar lugar á formación selectiva e simultánea de varios enlaces carbono-carbono sen necesidade de empregar metais de transición tóxicos.

Nesta tese doutoral exploráronse novos modos de preparación destes intermedios de reacción, a súa reactividade básica e a súa aplicación á obtención eficiente e barata dunha diversidade de estruturas orgánicas bi- e policíclicas, con elevado control rexio- e estereoselectivo. Ademais, descubriuse unha nova reacción de reagrupamento molecular.