Sara Collazos Suárez, estudante de doutorado do CiQUS, defendeu este venres a súa Tese Doutoral titulada "Síntese de novos derivados do perileno e do tripticeno mediante reaccións de cicloadición de arinos", na que se desenvolveron novos métodos de síntese de ipticenos e moléculas grafénicas mediante reaccións de cicloadición de arinos. Empregando estes métodos obtivéronse nanografenos con interesantes propiedades optoelectrónicas.
En colaboración co grupo de Gerhard Meyer e Leo Gross de IBM Research-Zurich analizáronse algúns destes nanografenos empregando microscopías de forza atómica (AFM) e de efecto túnel (STM), o que permitiu obter imaxes destas moléculas con resolución atómica. Ademais, conseguíronse xerar e caracterizar por primeira vez moléculas individuais de arino, intermedios de vida curta cuxa existencia foi proposta por primeira vez en 1902.
Os resultados deste traballo foron publicados na prestixiosa revista Nature Chemistry, obtendo unha gran repercusión científica.