Un novo método para a recuperación sostible de alcoholes en síntese orgánica

12/05/2022

O primeiro traballo desenvolvido polo equipo do Dr. Manuel Nappi desde a súa incorporación ao CiQUS acaba de ser publicado na revista Chemical Science. O artigo informa dun novo método sostible e libre de metais para o acoplamento desoxixenante de alcohois e piridinas promovido pola luz visible. Grazas ás condicións de reacción suaves e compatibles coa auga, pódense funcionalizar pequenas moléculas e cadeas de ADN cunha ampla gama de alcohois, incluíndo produtos farmacéuticos como o haloperidol e o ezetimiba.

Manuel Nappi, investigador distinguido "USC - Manuela Barreiro", incorporouse ao CiQUS a finais de 2020 como investigador junior para desenvolver a súa liña de investigación independente, centrada na invención e desenvolvemento de reaccións químicas promovidas pola luz visible. Este estudo supón un paso adiante para a síntese sostible de pequenas moléculas e DNA-Encoded Libraries.

CiQUS, atracción e desenvolvemento de talento

Manuel Nappi licenciouse en Turín e doutorouse en Química Orgánica no Institut Català d'Investigació Química (ICIQ). En 2012, realizou unha estadía predoutoral de seis meses na Universidade de Princeton, concretamente no grupo do Prof. David MacMillan, recentemente galardoado co Premio Nobel de Química 2021 e convidado de honra no Simposio do CiQUS Chemistry at the Frontier. Durante seis anos (2014-2020) traballou no grupo do profesor Matthew Gaunt como investigador posdoutoral na Universidade de Cambridge, Reino Unido.

Desde novembro de 2020 forma parte do persoal investigador do CiQUS como Investigador Distinguido "USC- Manuela Barreiro", unha nova modalidade de contratación temporal de investigadores que ofrece a Universidade de Santiago de Compostela. Cunha duración máxima de oito anos, esta modalidade só convocou catro prazas para Centros Singulares da USC na convocatoria de 2021.

Referencia: Sai Rohini Narayanan Kolusu and Manuel Nappi; Metal-free Deoxygenative Coupling of Alcohol-Derived Benzoates and Pyridines for Small Molecules and DNA-Encoded Libraries Synthesis; Chemical Science 2022. https://doi.org/10.1039/D2SC01621D