A investigadora do CiQUS suma o seu nome á lista de estudantes distinguidos pola farmacéutica, que recoñece por quinta vez a un alumno do centro.
Lorena Tizón (2012), Isaac Alonso (2013) , Mateo Sánchez (2014), Andrés Seoane (2015), e agora tamén, Noelia Casanova (2017): os premios anuais da farmacéutica Lilly a estudantes de doutoramento volven recompensar o talento novo do CiQUS, recoñecendo na presente edición o labor da investigadora do centro ao longo da súa tese de doutoramento, desenvolvida no grupo Mascareñas-López-Gulías.
A Real Sociedade Española de Química (RSEQ) e o Comité Europeo para as Relacións Académicas de Lilly fixeron onte públicos os nomes dos tres investigadores galardoados cos XV Premios de Investigación para alumnos de Doutoramento, que na presente edición recoñeceron tamén ós investigadores Enol López (Universidade de Oviedo) e Eloísa Serrano (ICIQ). Os tres galardoados coincidiron en salientar a importancia destes premios de investigación para alumnos de doutoramento, incidindo na súa importancia á hora de tender pontes no eido investigador.
Os Premios de investigación para alumnos de doutoramento de Lilly promoven a excelencia investigadora nas áreas de Química Orgánica, Farmacéutica e Analítica, téndose consolidado xa como unha maneira de promover a ciencia básica en España. A entrega de premios terá lugar o próximo 25 de xuño de 2017 na localidade de Sitges, ao longo da XXXVI Reunión Bienal da Real Sociedade Española de Química.