Nace o Grupo Operativo Gayas: Comida de orixe desde a aldea á casa, do que fai parte o grupo de investigación Ecoagrasoc. Gayas está formado por 7 entidades supra-autonómicas de Galicia e Asturias. Trátase dun proxecto innovador que ten o propósito de impulsar os canais curtos de comercialización de alimentos na montaña de Lugo e no suroccidente asturiano.

O obxectivo é transformar os produtos das pequenas explotacións locais de montaña, elaborando comidas preparadas, e vendelos directamente ao consumidor; aproveitando as producións principais e secundarias de granxas multifuncionais para levalas a centros de transformación rural (CTR), da aldea á cidade. Tamén se porán a disposición do consumidor produtos frescos como carnes, embutidos, legumes, plantas e tubérculos.
Así, este proxecto pretende diversificar economicamente as áreas rurais nas que asenta e fortalecer o tecido produtivo mediante a innovación no desenvolvemento da transformación agroalimentaria e o establecemento de cadeas curtas. Desta maneira, búscase revitalizar áreas rurais deprimidas e asegurar ingresos xustos para os produtores.
O Grupo Operativo Gayas conta con financiamento do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020, financiado polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), e xestionado pola Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA). O investimento total é de 454.802,75€, cun cofinanciamento da UE dun 80%. Ecoagrasoc é o único grupo de investigación universitario que forma parte do grupo, sendo o resto de membros empresas e institucións públicas.
O Grupo Operativo Gayas pivota entorno a dúas grandes áreas temáticas: industria agroalimentaria e desenvolvemento rural.
A área principal é a industria agroalimentaria, na que se inclúen todas aquelas accións relacionadas cos procesos de transformación dos produtos primarios e a venda a través de canais curtos ou alternativos de comercialización, coa axuda de plataformas de loxística e comercio electrónico.
Adicionalmente, Gayas tamén se contempla como un proxecto de desenvolvemento rural, pois trátase dun proxecto transversal a todo o territorio, non é só unha industria de transformación. Así, valorízanse as producións das pequenas granxas de espazos naturais protexidos, asociadas a unha marca de calidade territorial como son a Reserva da Biosfera e a Rede Natura.
De forma destacada, este proxecto tamén ten como obxectivo que os produtores profesionais e outros que teñan como complemento a agricultura e gandería poñan a producir as terras abandonadas. Desenvolverase unha estratexia de asesoramento para a implantación das producións que tradicionalmente definiron a cultura culinaria típica do territorio e que mantiveron a agrobiodiversidade, que agora está a se perder.
O proxecto dará espazo e traballará a prol de eliminar os obstáculos legais para unir as granxas profesionais e as pequenas producións complementarias nunha plataforma na que se venderán alimentos producidos na zona de actuación do proxecto, diferenciándoa coa marca do territorio. Dese xeito estaremos mantendo a capacidade do territorio como espazo de produción de alimentos para a xente e evitando que os terreos tornen improdutivos.
Membros do proxecto:
Asociación de Gandeiros A Fonsagrada (asgafon), situada na Fonsagrada, traballando en asesoramento agrario con máis de 100 explotacións socias.
Cooperativa A Carqueixa, situada en San Román de Cervantes, fundada en 1994, conta con 193 cooperativistas.
Isabel Álvarez Rodríguez, propietaria de negocio familiar desde 1980, situado en San Antolín de Ibias. Empresaria, o seu negocio está formado por tenda e carnicería desde 1980; mesón con aloxamento, matadoiro de Ibias e cebadeiro de gando porcino.
Xeodestino Turístico Ancares Terras de Burón, agrupación de 10 concellos da Montaña de Lugo (As Nogais, Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín). Agrupa as dúas Comarcas Naturais limítrofes con Asturias (Ancares e Terras de Burón).
Alberto Uría Moreno, situado entre os municipios de Ibias en Asturias e Negueira de Muñiz en Lugo, e con domicilio fiscal en Oviedo, traballando como empresario individual dedicado á formación e produción en apicultura.
Yolanda Álvarez Beneitez, membro solicitante e representante dunha gandería de caprino situada no concejo de Ibias, concretamente nunha pequena aldea asturiana de alta montaña chamada Tormaleo.
Grupo de Investigación Ecoagrasoc, da Universidade de Santiago de Compostela.
Entidades financiadoras
O Grupo Operativo Gayas está cofinanciado nun 80% pola Unión Europea co “Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais” (FEADER) e ao 20% polo Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a través da Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA). Pódese consultar máis información na web da Comisión Europea, facendo click aquí.
Investimento: 454.802,75 euros. Organismo responsable do contido: Grupo de investigación ECOAGRASOC.