O Consello de Goberno da USC aprobou, o 24 de xullo de 2024, o Regulamento sobre recoñecemento e transferencia de créditos para os estudos oficiais de Grao e Máster, baseado no Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, que regula a organización das ensinanzas universitarias e establece o procedemento para garantir a súa calidade.
A Resolución Reitoral do 5 de febreiro de 2025 desenvolve este Regulamento no relativo ao recoñecemento de actividades, e publica o catálogo de actividades recoñecibles xunto coa súa equivalencia en créditos ECTS.
Adicionalmente, a Resolución Reitoral do 17 de febreiro de 2025 incorpora a posibilidade de solicitar unha consulta previa do expediente académico, coa finalidade de informar ao estudantado sobre as materias e actividades recoñecibles en titulacións impartidas pola Universidade de Santiago de Compostela.
Información para cada tipo de recoñecemento:
Poderán ser obxecto de recoñecemento os créditos superados en estudos universitarios oficiais españois ou noutros estudos universitarios oficiais impartidos por unha institución de educación superior estranxeira oficialmente recoñecida no seu país segundo o indicado nos artigos 7 e 8 do Regulamento.
Segundo o indicado nos artigos 9 e 10 do Regulamento, o estudantado de grao poderá obter ata un máximo de 12 créditos ECTS optativos, co límite sinalado no artigo 4.2 do Regulamento, na súa titulación polo recoñecemento académico derivado da súa participación en actividades universitarias culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación, así como por outras actividades académicas complementarias que organice a Universidade de Santiago de Compostela, segundo o disposto na Resolución reitoral do 5 de febreiro de 2025 pola que se desenvolve o Regulamento en materia de recoñecemento e transferencia de créditos para os estudos oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela en materia de recoñecemento de actividades e polo que se publica o catálogo de actividades susceptibles de recoñecemento e a súa equivalencia en créditos.
Os créditos recoñecidos por estas actividades computaranse, a solicitude do/a estudante, como créditos optativos no correspondente plan de estudos.
Fai referencia ao recoñecemento dos estudos de educación superior non universitarios que conduzan á obtención dos títulos oficiais de graduado en ensinanzas artísticas, técnico deportivo superior, técnico superior de formación profesional e estudos propios universitarios segundo o indicado nos artigos 11 e 12 do Regulamento.
As táboas de recoñecemento para as persoas tituladas en formación profesional de grao superior atópanse dispoñibles na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/fp/validacions-ciclos-superiores-fp-estudos-universitarios
Sempre que esta experiencia profesional e laboral estea estreitamente relacionada coas competencias, coñecementos e habilidades inherentes ao título correspondente e a posibilidade do seu recoñecemento se recolla na memoria verificada do título, segundo o indicado no artigo 13 do Regulamento.
Refírese ao recoñecemento de créditos entre estudos universitarios obxecto de modificación e segundo o indicado nos artigos 14 e 15 do Regulamento.
Poderán recoñecerse os estudos cursados en titulacións estranxeiras sempre que se trate de estudos oficiais e de nivel universitario segundo o indicado no artigo 16 do Regulamento.
a) Os traballos de fin de grao e de fin de máster, agás aqueles que especificamente se desenvolvan nun programa de mobilidade.
b) As materias superadas nun grao, diplomatura, arquitectura técnica e enxeñaría técnica como materias de máster universitario oficial.
c) As materias xa cualificadas como resultado dun proceso de recoñecemento de créditos non poderán dar lugar a recoñecementos posteriores noutro título de grao ou máster.
d) As prácticas externas realizadas nuns estudos universitarios para outros conducentes a unha titulación universitaria oficial diferente a aquela na que se realizaron as prácticas.
e) As prácticas extracurriculares polas prácticas curriculares previstas nos plans de estudos. En ningún caso as prácticas extracurriculares poderán ser computadas como créditos para a obtención dun título universitario oficial.
f) Os requisitos formativos complementarios para a homologación de títulos universitarios estranxeiros.
g) Os realizados na modalidade de matrícula extraordinaria.
h) Os estudos non universitarios que non estean previstos na normativa reguladora e non sexan equivalentes academicamente a estudos recoñecibles.
Solicitude e tramitación
A persoa interesada deberá presentar a súa solicitude a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da USC nos prazos establecidos na convocatoria anual de matrícula ou en convocatorias específicas.
Esta solicitude dirixirase á Unidade de Xestión Académica do campus correspondente ao centro responsable da titulación de destino na USC, con indicación das materias ou actividades das que se solicita o recoñecemento.
A persoa interesada poderá incluír opcionalmente unha táboa orientativa non vinculante coas materias e actividades de orixe que darán lugar, de ser o caso, aos recoñecementos oportunos.
Recóllese de xeito detallado para cada caso no artigo 19.2 do Regulamento.
O prazo máximo de resolución é de:
- Un mes no caso de que exista informe derivado da consulta previa do expediente ou que existan táboas de recoñecemento.
- Dous meses nos demais supostos
Máis información dispoñible no artigo 20 do Regulamento.