Skip to main content

Alumnos do máster en Arquitectura e Paisaxe Juana de Vega da EPS suxiren conexións da trama urbana de Lugo co río Miño

Alumnos e docentes do máster en Arquitectura e Paisaxe Juana de Vega da EPS
Alumnos e docentes do máster en Arquitectura e Paisaxe Juana de Vega da EPS
As tres propostas de integración paisaxística defenden facer peonil a vella ponte romana e dúas apostan por reducir drasticamente o tráfico rodado na N-VI

A integración da contorna fluvial do río Miño coa trama urbana da cidade de Lugo a través dos parques Marcos Cela e Rosalía de Castro centrou a temática sobre a que versou o traballo final dos alumnos que completaron no 2012 o máster interuniversitario en Arquitectura e Paisaxe Juan de Vega, impartido por docentes da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago e da Escola Ténica de Arquitectura da Universidade da Coruña.

As tres propostas máis valoradas polos responsables académicos deste posgrao universitario, as elaboradas por Julio Ordax, de A Coruña, Guillermo Mijares, nado en Caracas, e Aurora Armental, do concello de As Pontes, presentáronse onte nun acto público celebrado no consistorio de Lugo, e no que estiveron presentes o alcalde José López Orozco, o concelleiro de Medio Ambiente de Lugo, Lino González Dopeso; a directora da Escola Galega de Paisaxe, Isabel Aguirre, o director da EPS, Javier Bueno, ademais dos autores dos proxectos e unha nutrida representación dos profesores da USC e da UDC que participan na docencia do Máster en Arquitectura e Paisaxe Juana de Vega, cuxa coordinación no campus de Lugo recae na profesora Isabel Iglesias. A integración da contorna que constitúe o paseo fluvial do río Miño na trama urbana da capital luguesa a través da mellora das conexións entre a propia ribeira do Miño, o parque Marcos Cela e o parque Rosalía de Castro, responde a unha actuación de extraordinaria complexidade, tanto pola propia orografía do terreo como polas dificultades engadidas que representan as distintas infraestruturas viarias feitas na zona, segundo lembrou Isabel Aguirre, quen logo de defender os beneficios que tería para a cidade e para os veciños de Lugo o maior aproveitamento e goce dun patrimonio natural como é o do río Miño e das súas ribeiras, recoñeceu que os alumnos do máster rexeitaran nun primeiro momento esta actuación polo seu grao de dificultade. As tres solucións propostas por estes tres alumnos do máster en Arquitectura e Paisaxe abordan deseños paisaxísticos globais cos que se pretende mellorar as comunicacións e a calidade estética dos parques e do paseo fluvial e a zona da ponte nova sobre o Miño ata o campus universitario. Julio Ordax defende no seu proxecto, desenvolvido baixo o título ‘Lugo nos vemos’, unha senda peonil ininterrompida desde o Parque Rosalía de Castro ata o río. Esta proposta suxire facer peonís as rúas García Portela e Frei Plácido Rei Lemos, que discorren a carón do parque. Este espazo sería o punto de partida dunha senda paisaxística que tamén aproveitaría as zonas verdes do bancal do parque e os xardíns anexos á Escola de Imaxe e Son e do hospital San José e que contempla a reconversión do párking do pavillón municipal en xardín dos deportes. A prolongación desta zona ata o río acometeríase facendo peonil o treito da estrada vella de Santiago que vai pola Volta da Viña ata a ponte romana, a fin de facer neste entorno o parque fluvial de Lugo. A conexión dos parques Rosalía de Castro e Marcos Cela faríase cunha ampla pasarela elevada sobre a Ronda da República Arxentina. O proxecto deste coruñés avoga tamén pola conservación da actual vexetación da zona, aínda que propón un maior cromatismo mediante a introdución de novas especies e novas plantacións. Os proxectos da pontesa Aurora Armental, desenvolvido baixo o título de ‘Harmonía no camiño’, e do venezolano Guillermo Mijares, ‘Analoxía musical’, teñen moitos trazos en común, aínda que o máis salientable e que os dous defenden unha drástica redución do tráfico rodado no treito da estrada N-VI que vai desde A Tolda ata despois do ponte romana. Os autores destes proxectos apostan así por unha progresiva peonalización desta vía, ademais de defender tamén a peonalización da ponte romana e do treito da estrada vella de Santiago que vai pola Volta da Viña.

Guillermo Mijares plantexa asemade a urbanización deste calzada, que se ben quedaría aberta ao tráfico de servizos e tamén para veciños, para así, coa axuda dunha vexetación gradual e diferenciada, crear un espazo con ambientes diferenciados que posibilitaran un maior goce da zona. Aurora Armental propón a recuperación e revitalización do espazo e da contorna do balneario, así como a ampliación da senda fluvial ao pé do Miño. A construción dun miradoiro sobre o río, desde o que poder observar e gozar a auga desde arriba, é outra das achegas para o aproveitamento paisaxístico feitas por esta pontesa.

The contents of this page were updated on 02.28.2013.