Skip to main content

Un dos coros masculinos máis prestixiosos de Estados Unidos actúa en Santiago de man da USC

O Notre Dame Glee Club actúa este martes en Santiago
O Notre Dame Glee Club actúa este martes en Santiago

O Coro Masculino da Universidade Notre Dame (Indiana, EE.UU.) ofrecerá este martes 4 de xuño un concerto organizado pola Universidade de Santiago. O Notre Dame Glee Club foi fundado en 1915 e está recoñecido como un dos máis prestixiosos coros masculinos dese país. O concerto, de entrada libre, será ás 21:00 horas na Igrexa de San Francisco e inclúe un programa con pezas que van desde a antiga polifonía ata o repertorio moderno. Un glee club é un tipo de formación coral, en principio de pequeno formato e tradicionalmente de voces masculinas, que naceu no Reino Unido a finais do século XVIII especializado na interpretación de glees, unha modalidade inglesa de cancións curtas a varias voces. Este tipo de formación estendeuse aos Estados Unidos no século XIX e fíxose moi popular en escolas e institutos.

Aínda que a mediados do século XX comezaron a declinar a favor de formacións corais máis amplas, o nome de glee club segue a prevalecer na denominación dos coros de moitas universidades norteamericanas a pesar de que en sentido estrito sexan verdadeiros coros e mesmo xa sexa anecdótico que interpreten glees.

The contents of this page were updated on 05.31.2013.