Skip to main content

Danza e música para controlar o estres

Danza e música para controlar o estres
Danza e música para controlar o estres
Comeza na USC un curso práctico de danzaterapia e musicoterapia

O Espazo de Danza da USC comeza este venres 11 en Santiago un curso práctico monográfico de danzaterapia e musicoterapia que impartirán Daniel Blanco e Daniel Pregal, psicopedagogos especializados en procesos de formación pedagóxica musical e do movemento. As dez persoas que conseguiron praza no curso asistirán as tardes dos venres ata o mes de abril no Espazo Baleiro (anexo da Facultade de Filoloxía) a unha serie de experiencias para redescubrir o propio corpo e a mente e coa finalidade última de reconducir o estres. O curso ‘Danza e música no noso ADN’ iniciará ás persoas asistentes no mundo das terapias artísticas cos movementos involuntario sistémico e expresivo-emocional e a expresión corporal como eixes vertebradores do DMT (Danza Movemento Terapia). O monográfico contará con diferentes enfoques de contidos dependendo da análise das necesidades persoais de cada participante, pero de maneira xeral tratará de ofrecer unha exploración de novas habilidades de tipo intuitivo e de carácter subconsciente e empregalas para desaprender aqueles rituais mais básicos que a pesar de ser percibidos como normais acaban marcando pautas de estres e problemas físicos e sociais. Traballaranse así mesmo as canles de comunicación humanas atrofiadas para que, unha vez rehabilitadas, poidan reducir o estres e incrementar novas intelixencias asociadas ao movemento e a música.

The contents of this page were updated on 01.10.2013.